Mércores. 24.04.2024
El tiempo

Camariñas no lampexar do tempo (I): A historia local como protectora do patrimonio

O Instituto Estudos Bergantiñáns tiña programada para o pasado sábado 21 de marzo unha visita cultural a Camariñas para ver o faro, facer unha ruta a pé pola costa e unha ruta guiada polo núcleo urbano con visita aos restos do castelo, ao porto, á parte antiga da localidade, a igrexa parroquial de San Xurxo e ao museo do Encaixe. Tiveron que suspendela pero Xan Fernández Carrera quere aproveitar a información colleitada para realizar unha serie de artigos de carácter histórico.
Camariñas a comezos do século XX
Camariñas a comezos do século XX
Camariñas no lampexar do tempo (I): A historia local como protectora do patrimonio

Coñecer a historia local das nosas parroquias, das nosas vilas ou das nosas cidades, significa tamén coñecernos mellor a nós mesmos, pois cada un de nós somos partícipes dun pasado común do lugar no que vivimos, aínda que non sempre sexamos conscientes desta herdanza comunitaria.

O aprecio e a valoración dos bens que nos rodean depende do grao de coñecemento que teñamos dos mesmos. A ignorancia da historia local condúcenos a unha falta de consideración do patrimonio que herdamos das xeracións pasadas e convértese, en moitos dos casos, na principal causa da desaparición desa riqueza patrimonial da localidade na que habitamos. De apreciarmos na súa xusta medida todo este legado boa parte del non permitiríamos que desaparecera. Deste xeito impediríamos o derrube de moitas edificacións que foron substituídas por outras de nova traza de pouco gusto estético e sen ningún tipo de planificación.

O sensato sería conservar aqueles conxuntos urbanos ou edificios singulares de valor histórico e acometer as ampliacións urbanísticas en novos espazos ben planificados. De actuar neste sentido, as nosas vilas, referíndonos ao territorio concreto da Costa da Morte, non sufrirían o deterioro ao que foron sometidas no último terzo do século pasado e a inicios do presente, e non acadarían ao grao de feísmo que apreciamos en todas elas.

Son poucos os concellos que dispoñen de publicacións divulgativas nas que se dea a coñecer á veciñanza a historia das localidades nas que habita a poboación, unha información, que como acabamos de expoñer, sería imprescindible para ese labor de concienciación que conduciría a unha satisfactoria conservación da súa riqueza patrimonial, que nun próximo futuro, e xa no propio presente, se transformaría nun óptimo recurso de desenvolvemento económico permanente.

Con motivo da publicación do libro do río do Porto por un grupo de membros do Seminario de Estudos Comarcais da Costa da Morte (Semescom), ao realizar o estudo do curso baixo deste río soneirán, cos datos recompilados sobre a vila da Ponte do Porte, publiquei varios artigos nos que dun xeito sintético se recollía a historia desta localidade camariñá.

Agora coa ocasión da programación dunha visita cultural á vila de Camariñas organizada polo Instituto de Estudos Bergantiñáns, que tiñamos previsto realizar o pasado 21 de marzo, pero que tivemos que adiar pola crise sanitaria creada pola pandemia do virus Covid-19, dediqueime a ordenar e completar información que conservaba de anos atrás e con ela decidín elaborar outros tantos artigos sobre a evolución a través do tempo desta localidade mariñeira.

Trátase da recompilación daqueles datos de maior relevancia que diferentes autores nos achegaron sobre o seu pasado e que nos axudan a descubrir cales foron as orixes da mesma e como foi cambiando co paso dos anos, pero que tamén nos permitan interpretar mellor a Camariñas actual, froito de todo ese devir histórico.

Igrexa de San Xurxo de Camariñas nunha foto do Arquivo Vidal
Igrexa de San Xurxo de Camariñas nunha foto do Arquivo Vidal

En busca das orixes

As orixes da vila de Camariñas temos que procuralas na aldea de Buría e no seu asentamento máis antigo, o castro da Rega, situado no monte da Croa, preto da aldea de Mourín. Un recinto da Idade de Ferro de forma circular, cun sistema defensivo arredor e pronunciados terrapléns pola súa parte norte e leste, que descenden cara ao regato da Rega, que vai desembocar á praia da Area da Vila.

O recinto atópase enclavado nunha zona de terreo forestal cuberto por vexetación arbórea que nos impide observalo con detalle. O mencionado poboado castrexo resulta de suma importancia para coñecer a historia da parroquia e vila de Camariñas, de aí a necesidade da súa conservación e posta en valor.

O seu folclore lendario fálanos da existencia dunhas covas ou túneles nas que se agochaba un tesouro gardado por un mouro. Cando en certa ocasión, un home intentou facerse con el, a pesar de que puido vencer ao mítico gardián, non foi capaz de conseguilo, porque cando quixo apreixalo, as galerías derrubáronse e quedou atrapado nelas. Lenda bastante común neste tipo de restos arqueolóxicos que deixa en evidencia a ambición humana por facerse rico, pero que case sempre remata en fracaso.

Como xa indicamos, preto deste castro atópase a aldea de Mourín, que posiblemente fose o primeiro asentamento de poboación da parroquia camariñá que se creou logo de producirse o abandono do poboado castrexo. O nome desta primeira aldea semella estar relacionado cos mouros do castro, a pesar de que Fernando Cabeza Quiles, experto en toponimia, nos indica que máis ben proveña da raíz preindoeuropea ‘mor’, co significado de rocha ou lugar pedroso, aínda que ás veces aparece vinculado tamén con espazos arqueolóxicos como petróglifos, mámoas ou castros.

Na parroquia existen indicios doutro posible castro situado na beiramar, no lugar dos Castros, entre a punta da Area da Vila e a praia de Lingunde. As defensas que dan á terra atópanse moi desfeitas por seren derrubadas para convertelas en terras de labor agrícola.

Non coñecemos indicios de restos romanos nesta parroquia costeira, pero hai que aclarar que non se realizou ningunha investigación arqueolóxica ao respecto que puidera confirmar a ausencia de vestixios desta época.

Tamén carecemos de datos dos primeiros momentos do cristianismo. Sospeitamos que tanto o mosteiro bieito de Moraime, situado na banda sur da ría, como o pequeno foco cristián de cabo Tosto de Santa Mariña, que o padre Yepes considera antiquísimo, exerceron influencia durante o proceso de cristianización deste territorio costeiro.

A parroquia de San Xurxo de Buría presenta unha singularidade con respecto ao resto das que constitúen o arciprestado de Nemancos, pois é a única que dependía da diocese de Mondoñedo. Non resulta doado esclarecer este feito peculiar. O investigador Xosé Pumar Gándara cando explica o caso da parroquia de San Xoán de Xornes (Ponteceso), que tamén pertenceu a este mesmo bispado, dinos que posiblemente se trate dunha doazón real do territorio desta freguesía a aquela diocese. Unha doazón feita polo rei Ramiro II, segundo lle contara o párroco da freguesía pontecesá, Xosé Febrero Currás, aínda que o padre Flórez na súa obra España Sagrada, dinos que a concesión a realizara o pai do anterior rei, Ordoño II. O mesmo debeu suceder coa parroquia de San Xurxo de Buría que tamén se mantivo unida a Mondoñedo ata o Concordato de 1953.

Durante estes primeiros anos da cristianización a poboación mantívose afastada da zona litoral por mor das continuas invasións marítimas procedentes tanto do norte, como as normandas, como as musulmás do sur. Existen noticias destas incursións contra a costa galega entre os séculos IX e XII. A historia da igrexa compostelá fai referencia ás sufridas polos monxes de Moraime nos anos 1105 e 1115 por parte dos sarracenos, accións que tamén lle afectarían a outras localidades desta mesma ría achegadas á costa.

Será despois da diminución ou desaparición deste perigo cando a poboación comece a achegarse á beiramar e se funden as primeiras vilas mariñeiras, entre elas tamén a de Camariñas. Mais isto sucedeu cando as tropas cristiás dominaron o sur peninsular e o poderío árabe se debilitou. A conquista das cidades de Córdoba e Sevilla polo rei Fernando III na primeira metade do século XIII consolidou este dominio.

A partir destes momentos os portos galegos víronse favorecidos polo tráfico comercial que se estableceu entre as ricas cidades italianas e Flandres. Os novos portos prestábanse para realizar algunha recalada durante estas longas viaxes, nas que se aproveitaba tamén para o intercambio comercial.

O lugar no que se asentou a vila de Camariñas reunía boas condicións para un porto natural, tanto polo seu abrigo dos ventos dominantes, como pola existencia dun amplo areal que actuaba como embarcadoiro. Sobre esta praia do Curbeiro fóronse asentando as primeiras vivendas, e sobre as súas dunas medraría a planta da camariña ou caramiña (Corema album), que lle deu nome ao incipiente núcleo. Estes primixenios habitantes tiñan como actividade principal a pesca pero tamén se iniciarían nas transaccións comerciais.

Cando estes nosos portos comezaron a recobrar certa importancia, tanto a igrexa coma a nobreza interesáronse polo seu control. O poder eclesiástico, é dicir o arcebispado compostelán, fíxose cos portos de Fisterra, Cee e Muxía e o nobiliario, neste caso os Moscoso de Altamira, cos de Corcubión, Camariñas e Laxe.

>Segue en:

 

Outros artigos de Xan Fernández Carrera

Comentarios