Venres. 29.03.2024
El tiempo

Camariñas no lampexar do tempo (II): Camariñas na cartografía e documentación antiga

All-focus
A baía de Camariñas no mapa de Pedro Teixeira (1634)
Camariñas no lampexar do tempo (II): Camariñas na cartografía e documentación antiga

Nos portulanos ou mapas antigos dos séculos XIV ou XV, nos que se citan algúns dos portos ou outros enclaves xeográficos situados no territorio da actual Costa da Morte, non aparece o porto de Camariñas. Tan só se fai referencia aos de Cee, Fisterra, Muxía ou Corme, ou a outros lugares costeiros como o cabo Fisterra, Touriñán ou as illas Sisargas. Isto non quere dicir que xa por estes anos o núcleo de Camariñas non existise como entidade de poboación asentada no mesmo lugar no que actualmente se encontra, pero por razóns que descoñecemos, os autores desas primitivas cartas marítimas non consideraron a súa representación.

A finais do século XVI vemos  a vila do encaixe situada sobre o mapa Descripción del Reyno de Galizia (1598) do relixioso dominico ourensá Fernando Ojea, no que se mostran na ría de Camariñas tres localidades: Mongía (Muxía), P. Doporto (Ponte do Porto) e Camariñas. Este última coa mesma grafía que conserva na actualidade.

No mapa do cartógrafo portugués Pedro Teixeira La descripción de España y de las costas y puertos de sus reinos (1634), tamén coñecido como o Atlas de Rey Planeta, que elaborou por mandato do rei Felipe IV, na ría de Camariñas represéntanse os núcleos de Moxía (Muxía), El Puerto (Ponte do Porto) e Camariñas. As casas desta última vila  trázanse arredor do areal que fai de porto e na baía reprodúcense varias embarcacións. Ao norte do agrupamento urbano camariñán perfílase a Aldea de Burias (sic), representada por casas espalladas. A costa desde Camariñas ata o cabo Vilán mostra un aspecto abrupto con altos cantís e sen ningún areal. Nela aparecen dous topónimos: N.S. del monte, referido á capela da Virxe do Monte e o de El Villano de Burias, indicativo do cabo Vilán. Debe ser das primeiras veces que a este cabo se lle atribúe o nome de Villano, xa que en mapas anteriores móstrase baixo a denominación de Bellem ou Belem.

Se observamos o mapa Il Regno de Galicia (1696) do italiano Cantelli da Vignola, con bastantes erros nos topónimos, Camariñas  aparece como Camarino, dos poucos casos nos que o nome desta vila se ve deturpado. O cabo Vilán escríbeo como Cabo Vellana o di Bellen. Tamén cambia o nome do río do Porto polo de Allons. 

Os nomes de Buria e de Camariñas están pouco presentes na documentación histórica medieval, quizais porque esta parroquia non pertenceu á diocese de Compostela, como lle correspondería pola súa situación xeográfica, senón á de Mondoñedo, e desta última, dispoñemos de menor información. No século XV aparecen algunhas citas de Camariñas como porto, pero en comparación con outros núcleos deste litoral como Cee, Corcubión, Fisterra ou Muxia, son de moita menor frecuencia. 

Tanto o nome Buria, referido á parroquia, como da vila de Camariñas, reflíctense nun preito de 1539 sobre os dereitos dos portos de Muxía e Camariñas con respecto á carga e descarga das embarcacións que entraban na ría, que finalmente remata nunha concordia entre o conde de Altamira, de quen dependía o porto camariñán e o arcebispo de Compostela, quen ostentaba o señorío do de Muxía. Neste documento que nos achega o investigador muxián Enrique Benlloch, tanto o nome da parroquia como o da vila do encaixe móstranse coa mesma grafía que conservan agora.

A comezos do século XVII, na información que achega o visitador arcebispal Jerónimo del Hoyo, a parroquia de San Xurxo de Buria contaba daquela con 50 fregueses (arredor duns 250 hab.). Era a de maior poboación das tres que máis tarde constituirían o concello de Camariñas, pois a parroquia de Camelle é de recente creación. Faise referencia tamén á ermida de Nosa Señora do Monte. Esta capela é de fundación moi antiga, quizais do século XIV, e sempre foi unha referencia para as embarcacións que entraban na ría, igual que a da Virxe da Barca. Poida que as dúas teñan unha orixe semellante: a cristianización de antigos cultos á fertilidade. Esta dúas ermidas cítanse xa no portulano Magliabechiano (ca. 1400) coa intencionalidade de indicar sobre a entrada de embarcacións na ría de Camariñas, segundo nos informa o escritor porteño Rafael Lema. Os dous santuarios vólvense a nomear noutro documento de 1498 emitido polos Reis Católicos en Alcalá de Henares para facer valer os dereitos dos veciños de Muxía sobre a pesca dentro da ría “antiguamente ninguna persona que no fuese vecino de la dicha villa [Muxía] no pescava ni podía pescar en la dicha ría a lo menos dende las hermitas de Santa maría del  Monte e Santa maría de la Barca” (Benlloch, 2010: 26).

Vila privativa do Conde de Altamira

A parroquia de San Xurxo de Buria era unha das 17 freguesías privativas pertencentes ao Conde de Altamira incluída na xurisdición de Vimianzo, o mesmo que sucedía coas vilas de Camariñas e Laxe, así se recolle no documento Compendio del Estado de Altamira (1724). Nel tamén se expresa que tanto a fortaleza vimiancesa como o resto da xurisdición que comprendía, foi unha doazón que lle fixo do Fadrique Enríquez, duque de Arjona, a súa curmá dona Xoana de Castro, cando contraeu matrimonio con Rodrigo de Moscoso cara ao ano 1429. Isto indícanos que a partir desa data a vila de Camariñas pasará a estar baixo a xurisdición dos Moscoso ou condes de Altamira.

Polos anos nos que se emitiu este informe, a vila camariñá tiña 140 veciños (uns 600 hab.), que se dedicaban case todos á pesca “que viajan con ocho, o nueve navios, y otros tantos barcos por la Mar”. E engade  “Es puerto sin comercio de substancia, aunque muy conocido por picar en su costa los mas de los navios, que navegaban de Inglaterra, Olanda, y Francia para Portugal, y Andalucía, ó al contrario”. 

Gobernaban a vila dous rexedores nomeados de xeito alternativo cada ano polo meiriño (xuíz) da xurisdición e polos veciños, que tamén elixen un procurador xeral. Cada veciño pagaba a parte que lle correspondía dos 335 reais que en total tiñan que tributar cada ano, correspondéndolle a cada viúva unha galiña ou un real.

Protección contra a piratería

Como xa indicaramos, os ataques da piratería aos portos galegos durante a Idade Media eran frecuentes, pero foran a menos logo do control do Mediterráneo e do estreito de Xibraltar por parte dos cristiáns. A partir do século XVI intensifícase a piratería francesa e inglesa e as autoridades comezan a pensar no emprazamento dos primeiros sistemas defensivos ás entradas dor portos, aínda que estes carecesen de instalacións portuarias, pois as máis antigas non se van construír ata finais do século XVIII.

As primeiras noticias que coñecemos sobre o sistema defensivo do porto de Camariñas datan do ano 1625, e recóllense na carta que lle envía o duque de Ciudad Real, gobernador do Reino de Galicia, ao rei Felipe IV. Segundo esta información, Camariñas dispoñía por estes anos de tres pezas de artillería encabalgadas, que dominaban o porto. Pezas que uns anos máis tarde, serían levadas por piratas holandeses.

No citado documento do Estado de Altamira, infórmasenos de que na vila de Camariñas existían dous “castillos” –máis ben trataríase de dous pequenos baluartes defensivos–, que dispoñían de tres canóns cada un, baixo o mando dun sarxento.  

Antes de construírse o castelo do Soberano, había tres baterías. Unha situada na punta Villueira, a denominada Castelo Vello, unha segunda localizada na Pedra do Curbeiro, na parte occidental do areal que facía de embarcadoiro, e  a terceira, na punta da Insuela. 

Debuxo do Castelo do Soberano (Soraluce Blond,1985, 144)
Debuxo do Castelo do Soberano (Soraluce Blond, 1985, 144)

Cara ao ano 1740 comézase  a construír a fortaleza do Soberano, posiblemente seguindo os planos do enxeñeiro militar Juan de la Ferrière, mais a obra mantívose parada durante uns anos. En 1753, o enxeñeiro Francisco LLovet, xunto con Miguel Marín, realizan un proxecto para a defensa da ría de Camariñas composto por catro baterías defensivas: unha na punta de Merexo (Ozón); outra na praia da Barreira, en Leis;  unha terceira, na punta da Insuela de Camariñas; e a cuarta, a do Soberano,  na punta do Boi. De todas as proxectadas tan só se levantou esta última.

Constaba dunha parte curva orientada cara ao mar, que se adaptaba á forma do promontorio costeiro no que se asentaba e outra parte en forma poligonal, que daba á terra.  Na cara exterior un foxo percorría todo a fronte de terra. No interior había unha serie de construcións en liña que facían de segundo muro defensivo, destinadas a gardar a pólvora e munición, cuartos para oficiais e tropa. Un paso central daba acceso á explanada de artillería,  na que sei situaba unha batería curva con espazo para 17 pezas.

Esta fortaleza de tardía construción, nunca foi utilizada para a función militar que se lle asignara. Cornide en 1764, infórmanos de que estaba dotada con dez canóns montados e as oficinas correspondentes para o seu uso. A mediados do século XIX xa se atopaba en estado de abandono, pero será nos anos corenta do pasado século cando se derrube, coa intención de aproveitar a súa pedra para a construción do novo peirao de Camariñas, deixando só as bases de cementación, tal como observamos hoxe en día. 

Unha vez máis, non se actuou con altura de miras, e o monumento que podía converterse nun símbolo de identidade da vila camariñá, derrubouse por unha desacertada decisión de alguén pouco sensible coa conservación do patrimonio histórico, permitida polas autoridades do momento.

 

Artigos relacionados

Outros artigos de Xan Fernández Carrera

Comentarios