Martes. 23.04.2024
El tiempo

Camariñas no lampexar do tempo (III): Dous núcleos: Aldea e Vila

Procesión da Virxe do Carme de Camarinas-Arquivo Vidal
Procesión da Virxe do Carme de Camarinas-Arquivo Vidal
Camariñas no lampexar do tempo (III): Dous núcleos: Aldea e Vila

Nun principio a parroquia de San Xurxo de Buría era toda ela rural ata a creación do núcleo costeiro de Camariñas ao pé do areal no que hoxe está asentado. Cando esta poboación comeza a consolidarse a partir do século XIV os seus habitantes dedicaranse case exclusivamente a actividades relacionadas co mar: pesca, marisqueo e comercio. Este xeito de vida diferente con respecto aos pequenos agrupamentos rurais do resto da parroquia, promoverá costumes singulares entre uns e outros veciños. En Camariñas a convivencia entre a xente labrega e a mariñeira dáse na mesma parroquia, algo que non sucede noutras vilas próximas da beiramar como Fisterra, Muxía ou Laxe, que a parroquia está formada case exclusivamente polo núcleo mariñeiro.

Na parroquia camariñá o encontro entre estes dous mundo –o labrego e o pesco- vaise producir fundamentalmente arredor da igrexa parroquial, nos actos de tipo relixioso ou festivo. Estes dous mundos compleméntanse e precisa un doutro. En tempos pasados trocaban os seus produtos e deste xeito enriquecíase a base da súa alimentación. No que respecta ao sentir relixioso, o patrón da parroquia, San Xurxo, era unha advocación máis labrega, e a Virxe do Carme, vai ser máis da xente do mar. Por este motivo se funda no século XVIII a capela dedicada a esta virxe sobre o areal no que medrou a vila. 

A antiga parroquial de San Xurxo atopábase no lugar da Grixa, núcleo ao que lle deu nome, pero cando se constrúe o novo templo a finais do século XVIII, vaise facer nun soar arredado das casas, na denominada Cortiña da Igrexa, grazas ao aporte económico de Domingo Antonio Rodríguez Canosa, un emigrante que fixo fortuna en México, natural da Casa do Rego do lugar do Cotro. A igrexa illada aínda a podemos contemplar nalgunhas fotos antigas, situada a medio camiño entre a aldea e a vila. Desde esta chegábase a ela a través dun vieiro que atravesaba o Areal, nome que alude aos antigos terreos areentos situados próximos á praia.   

Antigamente o nome da parroquia sempre aparecía vinculado a Buría, e o topónimo Camariñas ligado exclusivamente á vila mariñeira, pero cando esta aumentou o seu espazo urbano, a denominación da parroquia comeza tamén a asociarse ao nome da vila.

No Diccionario (1826-1829) de Sebastián Miñano aínda se percibe con claridade esta separación, pero poucos anos despois no Diccionario (1846) de Pascual Madoz, a parroquia aparece ligada a Camariñas, aínda que nos aclara que está formada por dúas entidades de poboación: a aldea de Buría e a vila de Camariñas. Nestes mesmos termos recóllese na Geografía (ca. 1928) de Carré Aldao, xa co nome do patrón en galego, que tamén nos fai a seguinte puntualización: “Puede dicirse que estas dos entidades [Buría e Camariñas], forman dos poblaciones, una la villa y otra la feligresía de Buria”. Na Gran Enciclopedia Gallega, na década dos anos setenta do pasado século, a parroquia xa se denomina Camariñas, e ademais recolle que a igrexa está situada nesta localidade “La iglesia parroquial se halla situada en la villa de Camariñas, que a su vez es la capital del municipio”. A Continuación cítanse todas as unidades de poboación que a forman, pero o topónimo de Buría xa non aparece, o mesmo sucede no Nomenclátor desa década. Esta substitución do antigo nome da parroquia polo actual de Camariñas provoca a desaparición do seu nome orixinal. Dado que Buría denominaba o conxunto da freguesía e non se corresponde co de ningún núcleo de poboación, deixa de estar presente na documentación oficial, e permanece tan só na memoria da xente, fundamentalmente na de máis idade, co cal o inexorable camiñar do tempo, conduce ao seu esquecemento.

Porto pesqueiro e comercial en alza

Porto de Camariñas co muíño de vento ao fondo- Arquivo Vidal
Porto de Camariñas co muíño de vento ao fondo- Arquivo Vidal

A actividade pesqueira e comercial do porto de Camariñas xa vén de tempos medievais. No século XVI hai constancia destas actividades en varios dos pequenos portos deste noso litoral, entre eles o de Camariñas, que mantiñan un comercio con outros portos tanto do Mediterráneo coma do Cantábrico. Tamén existen referencias sobre a salgadura de sardiña nestas nosas vilas mariñeiras.

A pesca do cerco para a captura da sardiña xa se practicou nas nosas costas desde moi antigo, pero será a mediados do século XVIII, cos datos que nos achega o Catastro de Ensenada (1753), cando dispoñamos dunha información máis ampla e precisa sobre este tipo de pesca. 

Esta arte supoñía unha grande inversión tanto no custe das embarcacións como nos aparellos necesarios que se utilizaban, por este motivo non era unha iniciativa dun só propietario, senón que se constituía unha sociedade formada por moitos membros, a maioría de xente do mar, pero tamén había outras persoas de fóra deste sector. Cada participación denominábase quiñón e a ganancia de cada participante correspondíase co número de quiñóns dos que dispuxese, tanto con respecto ao barco como aos aparellos.

No porto de Camariñas había dous cercos, para os que se utilizaban dúas grandes embarcacións de 300 quintais cada unha, denominadas trincados ou galeóns: o San Jorxe (sic) e o Nuestra Señora del Monte. O nome deste último reflicte a enorme devoción cara a esta virxe. Por estes anos xa existía o culto á Virxe do Carme, pero aínda non acadara a suficiente forza para substituír á Virxe do Monte, de moita máis tradición entre a xente desta parroquia. 

Este tipo de pesca de cerco practicábase no porto camariñán entre os meses de setembro e decembro, ademais dos dous grandes barcos tamén se empregaban durante a tempada o resto das pequenas embarcacións como apoio. 

O reparto dos quiñóns facíase deste xeito, tal como se recolle no citado Catastro de Ensenada: “por razon de Aparejo un quiñón, y por razon de la persona otro, y si alguno tiene dos o mas quiñones de dho Aparexo lleba otros tantos de la referida pesca a proporcion y de mas a mas el quiñon de la persona”. Cada quiñón equivalía a 200 reais e o rendemento do San Jorxe era de 14 000 reais e o de Nuestra Señora del Monte de 16000 reais. 

A flota existente neste porto por estes anos completábase con oito pataches destinados ao transporte de sardiña ao País Vasco, que retornaban cargados de ferro que vendían á volta en portos polos que pasaban. A súa tonelaxe estaba comprendida entre as 8 e 30 tm e a tripulación que levaban oscilaba entre os 4 e 8 mariñeiros. Tamén había 17 lanchas que se dedicaban á pesca do congro. 

A pesca da sardiña pasaba por anos de abundancia, combinados con outros de extrema escaseza, que producía graves crises económicas nos portos que se dedicaban case en exclusiva á captura desta especie. Cara aos anos corenta do século XIX, a falta de sardiña provocou a paralización das fábricas de salgadura que había en Camariñas e detivo  tamén o comercio que se dedicaba á exportación deste tipo de peixe. 

Madoz, no seu Diccionario, indícanos os motivos que el considera causantes da desaparición da sardiña nesta ría de Camariñas: “La abundancia de sardinas que en tiempo no muy lejano se encontraba en esta ria, era una riqueza que la codicia ha hecho desaparecer, hallándose hoy paralizadas las fáb. de salazón que ocupaban un crecido número de brazos que deben esta desgracia á la poca inteligencia, cuando no abandono, de las autoridades que estaban obligadas á conservar la pesca y reprimir los abusos que en ella se hacia”.

Como podemos comprobar, hai máis de 170 anos xa había persoas que alertaban sobre prácticas de pesca que esquilmaban o mar e que se queixaban da cobiza humana que chegaba a provocar a desaparición de especies, como a sardiña, fundamentais para a supervivencia de moitas familias da nosa costa, mentres que as autoridades que deberían controlar estes abusos ollaban para outro lado. Despois de tantos anos o problema non se resolveu, senón que se agravou con máis especies en perigo de extinción e un mar máis contaminado.  

 

Artigos da serie Camariñas no lampexar do tempo

Outros artigos de Xan Fernández Carrera

Outros artigos históricos de Suso Jurjo

Comentarios