Xoves. 03.10.2024
El tiempo

Camariñas propón rehabilitar a Casa do Mar de Camelle para uso veciñal

Casa Mar Camelle
Casa do Mar de Camelle
Camariñas propón rehabilitar a Casa do Mar de Camelle para uso veciñal

A Casa do Mar de Camelle, que no seu día foi moi utilizada para realizar cursos de pescadores, actividades ou obras de teatro, atópase agora en estado ruinoso tras máis dunha década de abandono. 

Unha situación que o goberno camariñán quere solucionar cun proxecto de rehabilitación. Ten xa elaborado o plan de investimento de 400.000 para poder poñela ao servizo da veciñanza, xa que a Casa de Man está a quedar pequena.

O pasado venres aprobouse en pleno, por unanimidade, solicitar á Tesourería Xeral da Seguridade Social a cesión gratuíta da titularidade da primeira planta do edificio.

A actuación a levar a cabo para reparar a estrutura e a envolvente inclúe a instalación dunha nova cuberta, a renovación das fachadas, a substitución de todas as carpinterías existentes, o saneado da estrutura para eliminar humidades e óxidos e a retirada de todos os acristalamentos da planta primeira e das portas de entrada na planta baixa (onde se sitúa o consultorio de Camelle).

Para o acondicionamento da planta alta está previsto manter a situación da escaleira modificando a distribución para adaptala ao seu novo uso dotacional, incorporando un despacho, tres zonas para actividades e tres aseos, un deles para persoas con mobilidade reducida. Ademais, instalarase unha porta exterior automática, unha nova instalación de electricidade, iluminación e datos, novo suministro e distribución de auga fría e quente, calefacción con caldeira de gas, radiadores e renovación dos falsos teitos.

Comentarios