Camariñas recupera o patrimonio e a festa popular do Foxo dos Lobos, un recurso único na provincia
12:29 03/05/18
Batida no Foxo dos Lobos no Reira o pasado Nadal con Dequenquen Parece definitiva a aposta de Camariñas pola recuperación do Foxo do Lobo en todas as súas acepcións. Unha vez acondicionado o entorno, a Asociación Cultural Dequenquen artellaba o pasado nadal unhas xornadas de recuperación patrimonial, e quere continuar cun proxecto que comezaba no ano 2000 para recuperar o valor desta trampa para lobos do século XVI. Agora, Dequenquén quere seguir facendo camiño para que a Costa da Morte poida aproveitar “un recurso patrimonial único na Costa da Morte e na provincia”, como recoñece o propio Bernardino Martínez Castiñeira, o verdadeiro armadanzas deste proxecto. “Esta construción etnográfica, unha das máis singulares da provincia, é tamén especial pola súa ubicación, pois soen estar en zonas de montaña, e esto demostra que o lobo chegou á costa. E ao estar na praia do Reira, todos estes foxos de muros converxentes, que nalgúns casos chegan a 1 km, aquí non é tan longo pero si que ten a curiosidade de que aproveita o mar como barreira natural”. Bernardino recoñece que a administración comeza a moverse cando se mobiliza a sociedade, pero está satisfeito coa resposta do Concello e da Deputación, que apoian o programa. Aínda quedan pasos, porque “se ben aagora polo menos vese que hai un muro, este ten 2 metros de altura, e por agora só limparon 20 centímetros de muros. Hai que facer un pograma de recuperación integral”, explica. E non só no aspecto físico, se non tamén hai campo para recuperar o patrimonio inmaterial. “Ten un montón de cousas común co lugar, como os topónimos da Cova dos Lobos ou o Monte da Vela, onde están agora os muíños, un topónimo que está moi vencellado con prender os fachos, os lumes, de cando se facía a batida”. Ademais, “hai que ir desmontando o mal fario que ten a figura do lobo”, apunta. Bernardino explica que a partir de agora vanse facer dúas edicións destas Festas do Foxo do Lobo, unha que queda fixada para finais de maio, e outra para o verán.
Festa en maio
A primeira cita, a xa segunda Festa do Foxo dos Lobos será este domingo 27 de maio na zona de Reira de Camariñas, celebrase esta segunda edición da festa do Foxo dos Lobos. Nesta festa recuperase coa recreación dunha batida de caza tradicional, un dos patrimonios inmateriais vinculados ás zonas rurais e a unha figura mítica como é o lobo. Estas batidas son traballos comunitarios organizados que realizaban a cidadanía das parroquias baixo a dirección dunha persoa experta na caza empregando a trampa do foxo dos lobos. Nesta recreación pode participar calquera persona que o desexe. Ademais, este ano Dequenquén terá que aprender algo de francés, pois ten confirmada a presencia, e a música en directo, dunha delegación do concello francés de La Turballe, concello irmandado con Camariñas. O programa para o día 27 comezará ás 11:00h coa saída do bus dende a praza do Concello. Ás 11:30 comezará a festa coa presentación comic A Filla do Lobo. Ás 12:30 toca xa a Recreación Batida do lobo coa participación do público, e cos protagonistas xa preparados con bos atrezzos. E a partir das 13:30h, Alboroque, unha comida campestre con música. Cómpre reservar praza no bus gratuíto chamando ao 659269615, e mesmo se pode participar na recreación, podese vir vestido de labrego ou labrega e con algún elemento para facer barullo. (cacerolas, pandeiros…).Novas relacionadas
Fonte
- Redacción de QPC ([email protected]).