O Concello de Camariñas solicita a Portos de Galicia a reparación da pasarela de madeira do paseo marítimo
Ademais de volver a presentar o proxecto da terceira fase do paseo marítimo de Camariñas, desde o Canzorro ata Ramón Noguera (xa o fixo hai un ano), a alcaldesa de Camariñas, Sandra Insua, e o primeiro tenente de alcalde, Sergio Caamaño, reuníronse o pasado venres, 27 de outubro, co presidente de Galicia, José Antonio Álvarez Vidal, para solicitar a súa colaboración na reparación da pasarela de madeira do paseo marítimo de Camariñas.
A rexedora amosoulle ao presidente de Portos o mal estado actual no que se atopan as táboas, cos problemas de seguridade para os peóns que isto supón, e salientou que os traballos de reparación que se requiren exceden dun simple mantemento do mesmo.
“Somos conscientes de que o mantemento desa infraestrutura é competencia do Concello, como así o asumimos para solucionar un problema na ponte da dársena, pero o estado no que está pasarela fai que a solución estea máis aló dun simple mantemento”, explica a rexedora.
“Ten máis de 16 anos e hai que reformala completamente, cun investimento que o Concello non pode facer xa que Intervención non aprobaría ese gasto, ao ser un investimento”, afirma Sandra Insua.
Ademais, no encontro trasladou outros temas de interese para o Concello como os problemas que afronta a práctica do marisqueo en Camariñas ou a devolución da fianza á Comisión de Festas de Camelle.