O Faro Vilán, o único faro aberto da Costa da Morte, recibiu máis de medio millar de visitantes en Semana Santa

Outro verán máis imos ter só un Faro aberto na Costa da Morte, o Faro Vilán. E témolo gracias ao compromiso da Asociación Empresarios e Promoción Turística de Camariñas, que unha vez máis empregan os seus fondos para poder poñer unha persoa que coide o Punto de Información turística e permita manter aberto o Centro de Interpretación de Naufraxios, Faros e Señalización Marítima da Costa da Morte, e o salón coas exposicións itinerantes. Queda pendente abrir as visitas á lanterna, pero parece que para iso, a Autoridade Portuaria non escoita as peticións dos visitantes.
Este mes de abril, de mércores a domingo e de 10:00h a 14:00h e de 15:00 a 18:00h, o Faro permanece aberto cunha fermosa exposición fotográfica do Camiño dos Faros, o gran esquecido das administracións.
Esta Semana Santa, foron 566 persoas as que pasaron polo Faro a ver as exposicións. A meirande parte, 306 eran galegas, e 193 eran da Coruña. Pero tamén houbo moitas persoas procedentes de Madrid ou de Castilla la Mancha.