O gran programa diverso da Mostra do Encaixe
Non queda nada para XXXIII Mostra do Encaixe de Camariñas Deputación da Coruña, que se desenvolverá no Pavillón Victor Vigo na Semana Santa, do mércores 27 ao domingo 31 de marzo.
Coma sempre, a gran protagonista será a moda, ese elemento que conseguiu nos últimos anos darlle un envorco a esta artesanía secular e convertila en verdadeira vargada do deseño de moda. As pasarelas e os desfiles máis rompedores maridan á perfección coas demostracións das palilleiras de toda a vida.
Libros, música e Carlos Blanco
Pero programa desta festividade conta, ademais de con múltiples pasarelas e actos que enxalzan ás palilleiras e ao encaixe, con actividades como concertos, presentacións de libros ou o monólogo de Carlos Blanco.
Entre as citas ca música destacan as actuacións das bandas galegas Astarot, Hydn e Lucía Pérez, que amenizarán distintos momentos en diferentes xornadas. Así, a encargada de ‘abrir’ os concertos da Mostra será Lucía Pérez o mesmo mércores 27 de marzo, no desfile de ‘Grandes Firmas’ contra as 19:00 horas da tarde.
Hydn fará o propio o día seguinte, xoves 28 de marzo, ás 16:45 e ás 19:15 horas, coincidindo cos desfiles de Noveis Deseñadores dos grupos A e B. Por último, Astarot poñerá a súa sinatura musical á clausura o domingo 31 de marzo ás 19:30 horas.
Durante os cinco días escoitarase nos pavillóns da Mostra, mesturado co son dos palillos, o folclore das agrupacións Abrindo Rejo, Con toda en banda, Vaiche Boa, Asociación Mar Devalado de Camelle e Asociación As Cansorriñas. Tamén o VII Encontro de Corais no que participarán a Coral Polifónica Santa María de Cambre, a Coral Oliveira do Monte Branco e a Coral Brisas do Mar de Camariñas (domingo 31 ás 12:00 horas).
Aproveitarase o evento para a presentación de libros como ‘Querida Camariñas... Lo que debí decirte’ de Ainhoa Conde (xoves 28 de marzo ás 11:50 horas), ‘Tres Imperios’ de Alfonso de Sas (xoves 28 de marzo ás 12:20 horas), ‘Camariñas meu curruncho e Beldoña miña barca’, de Antonio Puertas Lema (venres 29 de marzo ás 12:00 horas) e ‘O pracer da chuvia’ de Manuel Vázquez (venres 29 de marzo ás 12:20 horas).
Nun dos pratos fortes do apartado cultural da Mostra do Encaixe de Camariñas Deputación da Coruña, Carlos Blanco executará o seu monólogo o sábado 30 de marzo ás 20:30 horas.
Modelos galeg@s
A pasarela volverá estar dirixida pola empresa Gubem Event, do vimiancés Damián Álvarez, e volverá apostar polo talento de modelos galegos e da comarca. Para algúns e algunhas deses modelos, a Mostra supón un escaparate inmellorable nas súas carreiras. “Moitos empezan en Camariñas a facer as súas primeiras grandes pasarelas e despois despuntan a nivel internacional”, explica Damián, sinalando o caso máis recente de “Yusnabis Ferrer, que veu o ano pasado a desfilar á Mostra e agora está traballando en Milan”.
Stands, postos internacionais e exhibicións artesás
Importante a vertente internacional da Mostra. No pavillón Víctor Vigo daranse cita persoas chegadas desde Sofía, Bulgaria; Krakovani, Eslovaquia; La Turballe, Francia; Ingenio, Gran Canaria; Gubbio, Novedrate e Trapani, Italia; Bobowa, Polonia; Peniche e Serra d’el Rei en Portugal e Palickovaní da República Checa.
Ademais, no eido solidario, estará presente outro ano máis a asociación STOF FA, unha entidade que aglutina a persoas afectadas pola Ataxia de Friedreich a nivel nacional, para contribuír a continuar coa investigación que se está a levar a cabo para avanzar no tratamento da enfermidade. Unha iniciativa que nace a partir da petición que María Jesús González Souto.
No caso das demostracións, serán tres as que se poderán observar durante esta XXXIII edición: no posto de Artesanía NIA unha exhibición de Miyuki; no posto de Artesanía Corman, co torno de vidro e no da Olaría de Buño, obradoiro de barro o xoves 28 de marzo de 11:30 a 13:00 horas e de 17:00 a 18:30 horas.
Máis novas