venres. 17.01.2025
El tiempo

O medio millón de quilómetros de Adela

Xubilacion IES Ponte do Porto-Adela compañeros
Adela xusto cos compañeiros do centro
O medio millón de quilómetros de Adela

O pasado venres 29 de novembro tivo lugar no restaurante A Casa da Canle de Braño, Vimianzo, a comida de xubilación de Adela Coello, profesora de Física e Química do IES Pedra da Aguia da Ponte do Porto (Camariñas) durante 22 anos. Os sete últimos, tamén foi a Secretaria do Centro.

A comunidade educativa quixo brindarlle unha completa despedida, agradecendo a súa total implicación no instituto, xa que a pesar de residir en Bertamiráns percorreu diariamente os 120 km para exercer a súa labor como docente. Un cálculo aproximado suma case medio millón de quilómetros percorridos e 7.500 horas de viaxe, o equivalente a 312 días.

Dende o centro camariñán valoran a aposta da mestra por quedar, xa que seguramente tivo a oportunidade de competir para achegarse ao seu lugar de residencia, pero o ambiente no instituto camariñán e o alumnado que pasou polas súas mans convencérona para continuar no Centro, do que este ano se despediu definitivamente. Un centro que viviu numerosas casuísticas nestas dúas décadas, habendo mesmo un alumno seu ue chegou a coincidir como profesor e secretario.

Xubilacion IES Ponte do Porto-Entrevista Adela

A festa de despedida comezou un par de horas antes do xantar cunha entrevista en Radio Aguia, realizada polos seus propios alumnos, un discurso de agradecemento dos seus titores de 4ª da ESO, e o descubrimento dunha placa co seu nome na porta Laboratorio de Física e Química.

As sorpresas continuaron no xantar coa aparición dun grupo musical de Camariñas composto principalmente por antigos alumnos, pero tamén por alumnos actualmente matriculados; os discursos formais de agradecemento, diversos agasallos, entre eles un xogo de toallas e manteis bordados con encaixe da Costa da Morte, e mesmo unha canción que repasou algunhas anécdotas que tivo durante todo este tempo.

Xubilacion IES Ponte do Porto-Música Adela Vaiche boa

E por suposto, estivo acompañada neste momento tan especial por un gran número de compañeiros de profesión e persoal non docente, que traballaron con ela durante moitos anos e que aínda están no noso Instituto, xa están xubilados ou exercen noutro lugar, pero que non quixeron perderse de estar ao seu carón.
 

Xubilacion IES Ponte do Porto-Adela tutorandos
Adela cos seus últimos tutorandos

Comentarios