O IES Pedra da Aguia volveu disfrutar da Bruxelas máis europea
Esta semana 16 alumn@s e dous profesores do IESP Pedra da Aguia disfrutaron dunha inesquecible viaxe a Bruxelas para celebrar o día de Europa. O centro escolar máis vinculado coa realidade continental, retomou as viaxes didácticas que realizada antes da pandemia, e que aproveitan, ademais de disfrutar de viaxar en grupo, para coñecer de cerca o funcionamento das institucións europeas.
Foron uns días moi intensos, nos que tiveron que madrugar máis do normal, con camiñadas que superaron os 20 km, pero que valeron a pena. Unha actividade que puxo o broche final ás actividades europeas do instituto por este curso, que quedaron moi limitadas polo COVID.
O primeiro día realizaron un xogo de rol no Parlamentarium, no que se converteron en eurodiputados durante dúas horas para recibir unha instrución práctica de como se aproban as normas comunitarias e o difícil proceso de conseguir convencer a grupos parlamentarios de diferentes ideas para lograr un acordo satisfactorio para todos.
Esta formación completouse coa visita ao eurodiputado galego Nicolás González Casares, quen lles explicou a ardua tarefa dos parlamentarios á hora de abordar o seu traballo nas distintas comisións. Ademais, animoulles a formar parte no futuro do funcionariado europeo, para cuxo acceso hai que estar pendente dos procesos de selección anuais que convocan as diferentes institucións. Sempre dunha forma didáctica e moi próxima ensinoulles o hemiciclo onde toman as decisións os europarlamentarios e no que destacaban as cabinas dos intérpretes, cuxa labor é esencial para comunicar a todos nos 24 idiomas oficiais.
Outras visitas didácticas incluíron a charla ofrecida pola Fundación Galicia-Europa de Bruxelas e o percorrido con tablets individuais polas 6 plantas da Casa da Historia de Europa, lugares fundamentais para coñecer respectivamente o papel de Galicia nas institucións comunitarias e o proceso de construción de Europa a través dos séculos mediante obxectos, audios e vídeos representativos de cada etapa histórica.