Martes. 18.06.2019
El tiempo

O IESP Pedra da Aguia, potencia Europea en igualdade e historia

Alumnado do IES Pedra da Aguia co mestre Jacobo Santos na Olimpiada de Historia
Alumnado do IES Pedra da Aguia co mestre Jacobo Santos na Olimpiada de Historia
O IESP Pedra da Aguia, potencia Europea en igualdade e historia

Días de vertixe no IESP Pedra da Aguia da Ponte do Porto. O centro camariñán, ademais da súa activa ocupación “europea”, tamén se empregan a fondo en materia de igualdalde e de historia. Por un lado o centro ao completo implicouse no programa da Xunta sobre igualdalde “o Mundo que queremos”. Ademais, os de 4º da ESO viaxaron a Ourense a participar na II Olimpiada da Historia.

Unha demostración de que o IESP Pedra da Aguia é un verdadeiro referente da Costa da Morte en proxectos de innovación, comprometidos con Europa (terceiro premio nacional Euroscola) activos ante o consumo responsable (primeiro premio autonómico Consumópolis) e críticos e solidarios cos problemas do mundo actual.

Olimpiada de historia

O 4 alumnos de 4º da ESO participaron na II Olimpiada da Historia, que organizaba a Universidade de Vigo no campus de Ourense. O equipo, composto por Helena, Nerea, Carolina e José e coordinado polo seu profesor de Historia Jacobo Santos, acadou un meritorio 5º posto a nivel autonómico. Foron de menos a máis durante toda a competición e por momentos liderou un dos grupos que daba acceso ás semifinais. Con todo, logo de 120 preguntas sobre historia mundial, na que se mesturaron imaxes e textos, non puideron alcanzar a meta desexada de estar entre os 4 primeiros.

Traballando en igualdade

O IES PEdra da Aguia no proxecto O mundo que queremos

Espectacular posta en escena a levada a cabo o pasado venres no IESP Pedra da Aguia de Camariñas por todo o alumnado de 3ºESO. Coordinado polas profesoras Liliana Piñeiro, Susana Álvarez e Silvia Lijó, o alumnado mostrou a toda a comunidade educativa os traballos realizados ao longo do curso no programa “O Mundo que Queremos”, un Plan Proxecta da Consellería de Educación.

O antedito programa ten como punto de partida, a difusión dos dezasete Obxectivos 2030 para o Desenvolvemento Sositible da ONU, así como o fomento nas xeracións máis novas, dun sentido de cidadanía global, consciente do seu papel para transformar a sociedade desde o ámbito local.

O programa que durou seis meses, centrouse en dous dos obxectivos mencionados por escolla do alumnado: a igualdade de xénero (nº5) e a redución das desigualdades (nº10). Ao longo de todo ese tempo, ambas cuestións foron abordadas de maneira conxunta a través de diferentes obradoiros de radio, vídeo e teatro, así como de charlas e dinámicas pensadas para unha aprendizaxe máis activa. Así mesmo, o proxecto tivo unha vocación interdisciplinar sendo promovido desde as áreas de Xeografía e Historia, Lingua Castelá e a Biblioteca Escolar, e con colaboracións puntuais dos tres departamentos de lingua restantes.

A actividade final deste programa consistiu nunha mostra de traballos comentados polo alumnado en intervalos de 20 minutos. Cada un deles ocupou unha estancia distinta do centro, facendo posible un percurso que seguiron todos os grupos-clase do instituto, e nos que o alumnado de 3ºESO, contou con todo o protagonismo para falar do traballo realizado semanas atrás.

O roteiro por esta mostra comezou cunha charla simultánea para todo os grupos onde foi explicada a razón de ser do programa O Mundo que Queremos. Vinte minutos máis tarde, todo o alumnado comezou o itinerario previsto polas distintas paradas. Así, a biblioteca foi o espazo para a radio, onde se puido escoitar todo un podcast que, entre outras cousas, abordaba diversos produtos culturais como a música ou a literatura desde unha perspectiva de xénero, detectando contido machista que o alumnado conseguiu replantexar para un enfoque máis igualitario. No salón multiusos, montouse o espazo cine onde se pasaron as curtas filmadas polo propio alumnado, arredor das diversas caras da desigualdade, destacando a curta “Transfobia”, que denuncia o illamento e incomprensión do colectivo LGTBI.

Pola súa parte, a aula de música transformouse no recanto literario, onde foron lidas, da man das súas autoras, tres historias incisivas, comprometidas e entrañables, artelladas a partir de dúas fotografías conectadas coa desigualdade. No vestíbulo superior, na parada do club de lectura, o alumnado partindo de textos de Agustín Fernández Paz, creou un pequeno foro para analizar a situación diaria no instituto, facendo reflexionar aos seus compañeiros, sobre xestos e comportamentos dos que participan de xeito activo ou pasivo, e que poden ser mellorados en aras dunha convivencia mellor e máis igualitaria.

A seguir, o corredor do primeiro andar, converteuse nunha galería de carteis elaborados polo alumnado, que partindo da obra teatral do mes de marzo, “Non bulas o bulo” da compañía As Centolas, reflexionaron sobre o papel dos medios de comunicación á hora de presentarnos a realidade que nos rodea, e o importante papel que teñen para favoreceren unha sociedade máis aberta e inclusiva.

Finalmente, unha das paradas máis orixinais foi a situada na entrada do centro. O alumnado sentado sobre coxíns escoitou e participou dos centóns, é dicir, poesías elaboradas a partir de versos de varios autores, onde o azar e a improvisación dan como resultado un novo poema. Silvia Plath, Louise Labé, Las Sinsombrero ou Carlos Negro deron moito xogo para tratar o empoderamento da muller nas catro linguas de estudo no instituto.

Todos os grupos confluíron a última hora da mañá no salón de actos para a clausura conducida polas alumnas Lara González e Érika Blanco. Tras faceren balance de todo o proceso, e repararen tamén no impacto da visita en abril dos activistas de El Salvador en favor dos Dereitos Humanos para as mulleres e o colectivo LGTBI no país latinoamericano, as rapazas fixeron un chamamento a toda a comunidade, a sentírense parte desta cidadanía activa que debemos ser, para loitar por unha sociedade máis inclusiva e receptiva a iniciativas transformadoras desde o eido local, tal e como apelaba o lema das pulseiras agasalladas durante a xornada: “O cambio comeza no IESP Pedra da Aguia… Súmaste?”

O IES PEdra da Aguia no proxecto O mundo que queremos 2

Comentarios