Xoves. 25.04.2024
El tiempo

O Instituto de Estudos Bergantiñáns retoma a actividade cunha Andaina por Camariñas

Zona de Reira co Cabo Vilan ao Fondo-Camrinas-Foto-Husamiddén Kharat Kiwán copia
Zona de Reira co Cabo Vilan ao fondo--Foto-Husamiddén Kharat Kiwán
O Instituto de Estudos Bergantiñáns retoma a actividade cunha Andaina por Camariñas

Xa andar pola Costa da Morte é toda unha aventura. Pero andar escoitando as historias que agroman das pedras do arredor é todo un descubrimento. E con poucos mellor que cos membros do Instituto de Estudos Bergantiñáns, que tras dous anos de parón, recuperan a súa actividade cunha andaina guiada.

A cita será este sábado 2 de abril, con saída de Carballo ás 9 horas. Unha cita que estaba programada para o 21 de marzo do pasado ano 2020, pero que tivera que suspenderse a última hora. A día de hoxe xa hai 47 persoas apuntadas para a escapada.

A xornada distribuirase en dúas partes, pola mañá farase unha visita ao cabo e faro Vilán e desde alí iniciarase unha camiñada, bordeando o mar ata a vila camariñá. Durante o percorrido faranse varias paradas para informar aos participantes sobre a paisaxe costeira que se percibe ao longo do camiño (cantís, baixos, coidos ou praias), os naufraxios máis importantes que ocorreron neste tramo litoral coma o da fragata Cantabria, o bergantín francés Franlla ou os cargueiros Banora e Black Arrow; a capela da Virxe do Monte e a súa historia, lendas e romaría ou os sistemas defensivos utilizados para a protección desta ría, centrándose sobre todo na historia do castelo do Soberano construído a mediados do século XVIII na punta do Boi, para protexer o porto de Camariñas.

A actividade da tarde comezará cunha visita ao museo do Encaixe, aberto desde ano 1996, coa finalidade de mostrar ao público pezas antigas de encaixe ou obxectos necesarios para a confección desta artesanía, pero tamén coa intención de que fose un espazo activo de investigación e consulta.

A continuación realizarase unha ruta urbana pola vila, comezando pola fachada marítima e o porto para observar aquelas construcións antigas máis representativas deste núcleo que se salvaron da profunda transformación urbanística que sufriu nas últimas décadas do século XX, para logo introducirse nas rúas do interior, tamén moi modificadas, con paradas no pazo dos Romero e na igrexa parroquial de San Xurxo de Buría, construída a finais do século XVIII, grazas a aportación económica do benfeitor local Domingo Antonio Rodríguez Canosa, que no seu interior conserva interesantes retablos barrocos e neoclásicos, coma o maior, atribuído ao coñecido escultor noiés Xosé Ferreiro.

Máis actividades

A asociación ten ademais outras dúas rutas programadas para esta primavera. Unha primeira para percorrer o nacemento e o curso alto do río Anllóns, que terá lugar o sábado 14 de maio e a segunda que levará á ría de Arousa, para coñecer as vilas da Pobra do Caramiñal e a de Palmeira, programada para o sábado 11 de xuño.

Comentarios