A música ponse de moda na Mostra
Unha das novidades desta XXXII Mostra do Encaixe de Camariñas - Deputación da Coruña será a música. Ademais das caras máis influíntes da moda, a música local, tanto a máis tradicional como a máis moderna, amenizará as pasarelas.
O día da inauguración, o mércores 5 de abril, antes do desfile de Grandes Deseñadores que pechará esa primeira xornada (a partir das 18 horas), DJ SON1C estreará a versión dance da canción de ‘Camariñas’, acompañado da cantante Alicia Bautis, e da música da Danza de Arcos.
O sábado 8 de abril ás 11:30 horas o club de baile deportivo ‘Arte e Movemento’ fará unha exhibición na que se mesturarán bailes caribeños, latinos e estándar (vals, tango...). “Maioritariamente participarán nenos e nenas de todas as idades, pero tamén algunha mamá”, explica Lita, alumna do club, que sinala que “ademais, eu estou facendo o encaixe para que cada bailarín leve unha peza”.
O rapeiro camariñán Lopes será o encargado de facer o concerto de clausura (domingo 9 de abril ás 21 horas) e, chegado dunha xira por México, declara que “poder tocar onde me criei, que é onde vivín experiencias das saco a inspiración dos temas que fago, é un orgullo”. “Traemos un show cargado de enerxía e forza coma sempre, pero cunhas ganas especiais por ser na miña terra. Interpretaremos temas como Pole, Penas, Bandolero 2… e intentaremos que o público conecte con nos ó máximo”, adianta. Lopes lembra aqueles anos de rapaz cando a vila estaba chea pola Mostra, mentres súa nai a avoa palillaban. “O máis bonito de todo isto e a enerxía positiva que se respira no pobo durante esa semana”, lembra.
E o importante tamén é o “durante”. Como non podía ser doutro xeito, durante os cinco días escoitarase nos pavillóns da Mostra, mesturado co son dos palillos, o folclore das agrupacións Abrindo Rejo, Con toda en banda, Vaiche Boa, Asociación Mar Devalado de Camelle e Asociación As Cansorriñas. Tamén o VI Encontro de Corais no que participarán a Coral Brisas do Mar de Corme, a Coral de Bergondo e a Coral Brisas do Mar de Camariñas (domingo 9 ás 11:45 horas).