Venres. 15.11.2019
El tiempo

O Cabo Vilán nun gravado de 1896

O Cabo Vilán nun gravado de 1896

“É un cíclope soberbo que alumía aos que pola auga van, é un cíclope soberbo que lostrega no monte do Vilán” G. López Abente

Gravado do Cabo Vilán publicado en 1896 na <i>Ilustración Española y Americana Gravado do Cabo Vilán publicado en 1896 na Ilustración Española y Americana

O 15 de xaneiro de 1896 inaugurábase o nove FARO do CABO VILÁN. Despois do inmenso erro que supuxera a construción a mediados desa centuria dun primeiro faro nun emprazamento moi desaxeitado que deixaba o vento norte, precisamente o máis perigoso, sen iluminación debido ao atranco dun prominente rochedo situado nesa dirección. Durante algúns anos estívose dinamitando esta elevación para reducir a súa altura, pero nin así conseguiron que o sinal luminoso cubrira toda a fronte mariña. Fixeron falla varios naufraxios, entre eles o do buque da armada inglesa Serpent, ocorrido en 1890 e no que pereceron 171 persoas; e durísimas protestas por parte da diplomacia internacional para que o goberno español tomara en 1886 a decisión de construír un novo faro de primeira orde, e despois da desgraza do Serpent, de acelerar as obras. Situado sobre o rochedo que fora rebaixado, o que provocou que por falta de espazo os edificios auxiliares estiveran separados do faro nunha cota máis baixa. Era o primeiro de España e un dos primeiros de Europa en incorporar a electricidade como fonte de enerxía. O destello iluminador estaba situado a 104 metros sobre o nivel do mar, dos cales 24 correspondían á propia torre e 80 ao promontorio que lle servía de asento.

A súa posta en funcionamento quedou rexistrada en numerosos medios de comunicación da época, entre eles LA ILUSTRACIÓN ESPAÑOLA Y AMERICANA. Sen lugar a dúbidas a revista ilustrada máis prestixiosa do estado español. O número do 30 de xaneiro de 1896 reflectía o inicio da actividade de sinalización coa publicación do fermoso gravado que preside estas liñas, asindo co acrónimo TIN, que non sabemos a que ilustrador podería corresponder.

Os gravadores para realizar as súas pranchas tomaban, normalmente, como modelo cadros ou debuxos. Podemos poñer un exemplo paradigmático deste proceder coa Vista de Santiago dende a Ferradura. Esta panorámica da Compostela monumental debuxada polo viaxeiro inglés Richard Ford durante a súa estadía na cidade en xuño de 1832; serviu de base a numerosos gravadores que a partir de 1837 a reproduciron en España, Francia, Inglaterra,... converténdose na imaxe prototípica da futura capital de Galicia a nivel internacional.

Debuxo da Compostela monumental vista dende o Paseo da Ferradura. Richard Ford, 1832. Debuxo da Compostela monumental vista dende o Paseo da Ferradura. Richard Ford, 1832

O nacemento da fotografía supuxo numerosos cambios no mundo da pintura e tamén do gravado. Cada vez máis artistas gráficos tomaban como fonte de partida unha fotografía e non un debuxo. Diredes algúns, e para que facían gravados se xa podían reproducir directamente as fotografía? Máis alá dos valores expresivos propios desta técnica artística, a resposta está nunha cuestión de calidade. A fotografía era unha actividade manual coa que se conseguían bos resultados positivando foto a foto. Pero para imprimilas masivamente os sistemas que había por aqueles tempos ou eran moi caros ou senón os resultados tiñan escasa calidade.

Todo isto vén a conto porque o noso descoñecido gravador utilizou para realizar a prancha de reprodución do Faro do Cabo Vilán unha fotografía dun tal Vicente Bermúdez.

Fotografía moi semellante á que serviu de modelo para a realización do gravado. Sinalamos a zona aproveitada polo artista gráfico para realizar o gravado Fotografía moi semellante á que serviu de modelo para a realización do gravado. Sinalamos a zona aproveitada polo artista gráfico para realizar o gravado

Unha instantánea moi aparecida á que debeu de servir de modelo ao artista gráfico, aparece publicada no libro OS FAROS DA COSTA DA MORTE de Xosé María Lema Suárez e de Manuel Vilar Álvarez, do que tamén tomamos moitos dos datos que aparecen aquí. Contamos no noso arquivo persoal con outra imaxe editada por “Galaico Fotograbado” no ano 1938 e feita por un tal A.C.G., que aínda debía ter maior parecido coa realizada por Vicente Bermúdez. Calquera destas fotos foi tomada con moita anterioridade á súa publicación, o bo estado do faro primitivo así no lo acredita. Mais de ningunha maneira puideron ser a fonte da que bebeu o gravador, en ambas aparece o edificio de servizos auxiliares con dúas plantas, e o segundo andar non se lle incorporou ata o 1909. En todo caso, a xulgar polos resultados, a fotografía de Bermúdez estaría tomada dende un lugar moi similar aos exemplos que demos anteriormente.

O fotógrafo situaríase practicamente no borde mariño da cara oeste do cabo, moi próximo ao vértice do mesmo. O seu encadre cun pronunciadísimo contrapicado, abarcaría dende as augas oceánicas ata a torre, deixando sobre a mesma unha mínima franxa de aire. A visión do edificio de servizos auxiliares e do faro primitivo era outra das vantaxes da posición elixida polo autor da fotografía. A escolla dun punto de vista tan baixo magnifica, aínda máis, a inmensa prominencia que alcanza todo o conxunto, é dicir, o rochedo e a torre que o coroa. Mais este afastamento tan acusado ten o inconveniente de empequenecer a obra arquitectónica ata transformala nun remate insignificante. Incapaz de competir cun outeiro, aínda que na realidade de menor altura, debido á súa maior proximidade ao obxectivo fotográfico, semella moito máis voluminoso e cunha altitude parella á alcanzada polo faro.

Vista do Cabo Vilán dende a cara leste, publicada polo fotógrafo F. Sánchez en xullo de 1910. Aínda se pode ver a nave da sala de máquinas para a produción de electricidade. Anos despois derrubouse deixando sitio para a praza que preside o edificio de servizos auxiliares Vista do Cabo Vilán dende a cara leste, publicada polo fotógrafo F. Sánchez en xullo de 1910. Aínda se pode ver a nave da sala de máquinas para a produción de electricidade. Anos despois derrubouse deixando sitio para a praza que preside o edificio de servizos auxiliares

Agora enfrontémonos ao asunto que tomamos como pretexto para contar tantas cousas e algunhas máis que aínda nos quedan por dicir. Antes de nada temos que aclarar que os gravados eran a unha tinta, o que daba como resultado imaxes en branco e negro. Esta austeridade era arranxada por moitos coleccionistas recorrendo a un acuarelista que pintaba sobre as obras impresas, dotándoas dun cromatismo que, ao ser un proceso manual, as convertía en obras únicas. E precisamente este é o caso da estampa que nos ocupa.

O artista gráfico encargado da súa realización intentou corrixir a eiva que tiña a foto da que partía, e da que xa demos cadra. O que fixo foi reencadrar a escena, suprimindo máis da metade inferior e dúas anchas franxas laterais, á dereita e á esquerda, nesta última era onde estaba o outeiro que competía en volume e en altura co propio faro. Tamén forneceu a nova composición de máis aire, liberándoa da opresión que supoñía a proximidade da marxe superior. Con estas mudanzas o contrapicado era moito menos acusado. A inmensa altura dos rochedos perdeu a posición destacada que posuía. Pola contra, o faro gañou en presenza, converténdose no verdadeiro protagonista da imaxe. Este achegamento mellorou a visión das outras construcións, á que contribuíu o uso da cor vermella sobre os seus tellados. Seguindo cos aspectos cromáticos, o acuarelista partía dunha obra de arte xa rematada. Ás nítidas liñas que marcaban tódolos contornos e ás profundas sombras negras que aquí e acolá dotaban de forma e de volume ás formacións pétreas, só podía superpoñerlle esa gama que dende o ocre ao rosado, con algúns toques verdosos, intentaba aproximarse ao aspecto que tiña o escenario real. Ao ceo doulle unhas pinceladas dun esvaecido azul que, co paso do tempo, perdeu a pouca intensidade que tiña en orixe.

É importante a unidade de cor e de materia que se establece entre a torre e a súa base. Dános pé a maxinar que do inmenso rochedo xermolou unha excrecencia de cristalización perfecta, como atopamos outras no mundo natural: os bugallos dos carballos, as perlas das ostras,... e que neste caso contrasta poderosamente coas formas irregulares do pedregoso outeiro que a sostén. En síntese, un gravado moi logrado capaz de transmitirnos o dramatismo e a singular grandeza dun lugar único.

Deixando a un lado a Torre de Hércules, por razóns obvias, o faro do Cabo Vilán é sen lugar a dúbidas o máis espectacular, o máis monumental da costa galega. As súas características arquitectónicas apártanse dos modelos máis socorridos: o feito de que o edificio auxiliar e o faro propiamente dito non formen unha unidade e se atopen separados e unidos por un túnel que semella un réptil de fantástica procedencia, arrastrándose con dificultade polos rochedos ata alcanzar a entrada da torre. Torre para a que se escolleu a planta de sección octogonal que a medida que gaña en altura vai decrecendo lixeiramente. Ponlle remate a esta estrutura de grande ascensionalidade, un balcón voado protexido por unha varanda de ferro, e apoiado en canzorros de adiantado perfil. Coroa este último corpo unha cúpula co tambor e a media laranxa de cristal que, a diferencia das eclesiásticas, non está para recibir luz, senón para emitila a máis de 55 km de distancia. Erguida con aparello de perfecta regularidade sen ningún tipo de revestimento, deixando á vista  os seus valores táctiles e cromáticos. Xa resaltamos na análise do gravado, o acerto da escolla do mesmo tipo de pedra para levantar o faro; contrastando unicamente a pureza de liñas da torre coa encrespada silueta deste vigoroso esporón avanzando na beiramar atlántica.

Aínda que con raíces na Antigüidade, foron os tratadistas sobre cuestións estéticas do século XVII e sobre todo do XVIII os que clasificaron as paisaxes en dous tipos: pintorescas ou sublimes. A primeira denominación aludía aos espazos máis cotiás, máis traballados polo home. A segunda facía referencia a lugares afastados da civilización onde a natureza ou a súa forza arrebatadora non eran materia para concienciudos ensaios, só podían ser aprehendidos dende a creativa irracionalidade de poetas, pintores e estetas nacidos baixo o signo de Saturno. As montañas máis escarpadas e inexpugnables, as selvas máis profundas e impenetrables, os ríos máis caudalosos precipitándose en abismais fervenzas; ou as forzas telúricas máis iradas en plena acción: volcáns en erupción, embravecidos océanos, diluviais tormentas de estremecidas reminiscencias bíblicas, intensas nevaradas sobre os lugares máis arriscados,... Eran algúns exemplos onde o sublime dominaba os sentidos e a razón volvíase muda.

Barcas pescadoras corriendo un temporal en las castas de Galicia. La Ilustración Española y Americana</i>, 1885. Gravado de Bernardo Rico baseado nun debuxo de Rafael Balsa no que podemos ver un día de temporal coma tantos acontecidos arredor do Cabo Vilán Barcas pescadoras corriendo un temporal en las castas de Galicia. La Ilustración Española y Americana, 1885. Gravado de Bernardo Rico baseado nun debuxo de Rafael Balsa no que podemos ver un día de temporal coma tantos acontecidos arredor do Cabo Vilán

O Cabo Vilán posúe moitas singularidades que o achegan ao sublime: a súa situación en adiantado escorzo nun mar de proverbiais perigos; as amplas panorámicas que abre a unha costa tan fermosa como esgrevia; a súa abrupta silueta; os seus elevados e pedregosos cantís; o aguzado perfil dos farallóns do Vilán de fóra; ou a cor rosada dos seus rochedos que parece chegar dende as profundidades ígneas da terra. Aínda que o faro é un bo recordatorio da acción do home sobre esta atalaia, feito que o afastaría do xenuinamente sublime. Mais a potente firmeza da súa arquitectura prolonga con empuxe o vigoroso promontorio, dotándoo dunha senlleira personalidade, á que tamén contribúe a inmensa forza que posúe a natureza neste lugar.

En días tormentosos cando a bóveda celeste se atopa cuberta polas nubes acuguladas cos vapores emanados do Atlántico, non tardan en chegar as estrondosas treboadas anunciadas polo omnipotente lóstrego de Zeus, esgazando as súas febles envolturas ata asolagar todo o creado coa a súa infinda carga de auga. Os ventos que facían cantar os pondalianos piñeirais, agora veñen con un impoñente furor que fai tremer canto atopan ao seu paso. Ventos que non acoden sos, traen con eles a enerxía destrutiva do mar, que ao abalanzarse contra os farallóns e os cantís retrocede con vehemencia ou se dispara ás alturas, poñendo en dúbida as leis da gravidade, para deixarse caer violentamente sobre este litoral tallado e curtido dende o principio dos tempos polas continuas arremetidas do impetuoso océano.

Neses días en Vilán segue mandando o indomeable, o ingobernable, o sublime. Pese aos imperturbables rochedos e á sólida presenza das arquitecturas, todos os sinais advirten do “pouco que é un home”, como dixo Uxío Novoneyra, ante a forza desatada da natureza.

E o faro?

O faro nas noites máis espalladas que permiten a visión do seu elevado corpo de pedra, lembrando a López Abente, pode semellar un poderoso “cíclope” á espreita dos perigos máis insospeitados. Pero cando as tebras máis insondables e as brétemas máis densas o envolven todo, só é posible albiscar a súa evanescente luz sen orixe coñecida, coma un fuxidío espectro asoballado polo poder de abstracción dos elementos.   

BIBLIOGRAFÍA

LEMA SUÁREZ, X.M. e VILAR ÁLVAREZ, M.: Os Faros da Costa da Morte. Santiago de Compostela 2001

  • Suso Jurjo, técnico de Cultura do Concello de Mazaricos.
 

Outros artigos de Suso Jurjo

https://quepasanacosta.gal/o-cego-de-mazaricos-e-a-sua-zanfona/

Comentarios