Mércores. 09.10.2024
El tiempo

O Cemiterio dos Ingleses acolleu unha romántica homenaxe aos mortos do mar

O Cemiterio dos Ingleses acolleu unha romántica homenaxe aos mortos do mar
Xosé Manuel Pato Gonzalez (delegado da Real Liga Naval Española), no medio Oscar R. Fraga da Patrulla Auxiliar Maritima e a dereita Juan Campos Xosé Manuel Pato Gonzalez (delegado da Real Liga Naval Española), no medio Oscar R. Fraga da Patrulla Auxiliar Maritima e a dereita Juan Campos.

Un dos máis famosos naufraxios que dan nome á nosa bisbarra, foi o do "Serpent". Ben coñecemos a historia daquel naufraxio do Cruceiro-Torpedero británico de terceira clase sen un só guardiamarina a bordo , un 10 de novembro de 1890, que acabou coa vida de 254 mariñeiros. As vilas de Camariñas volcáronse cos náufragos, e saíron na procura de todos os corpos que xacen no mítico Cemitério dos Ingleses, un lugar de culto en toda Europa que polo de agora tan só uns poucos saben darlle o misticismo que realmente ten.

Así, cada ano, coincidindo con esta data, un buque da Armada Británica pasa polo lugar da catástrofe e fai soar un salve na honra dos mortos. Pero aquí tamén realizamos a nosa ofrenda.

A noite de onte foi moi especial, sobre todo para Juan Campos Calvo-Sotelo, autor do libro "Náufragos de Antaño", que visitaba acompañado de dúas persoas da Real Liga Naval Española e un equipo de La Voz, o Cemiterio dos Ingleses, para facer a súa pequena pero simbólica homenaxe aos mortos de todos os naufraxios vividos na nosa Costa da Morte. Moitas foron as candelas que se acenderon nas casas da bisbarra co mesmo fin.

A homenaxe discurríu con normalidade e moita espiritualidade. Os amigos da Liga Naval depositaron unha gran coroa de flores e Campos, tres crisantemos brancos, recordando que o Serpent era desa cor cando afundiu. Campos acendeu unha vela grazas a que o vento acougou e os presentes gardaron un minuto de silencio.

"A noite recordaba á do Serpent, con menos vento. O mar resoaba alá abaixo e había unha coroa de espuma moitos metros mar dentro. Víase algunha luz dun barco no horizonte e o escintileo do Faro de Vilán e moi de lonxe o do Roncudo ou Laxe quizá". Así nolo conta en primeira persoa Juan Campos, así de mística e romántica foi a homenaxe.

Quen sabe se dentro de 20 anos, esta fermosa inciativa se convirte en tradición popular e centos de persoas nos achegaremos a facer as nosas ofrendas e cantar un salve na honra dos mortos do mar.

Unhas pequenas notas sobre o Serpent e a Costa da Morte con Juan Campos

O pasado luns iamos ata o Cemiterio dos Ingleses, para rendir unha emotiva homenaxe aos mortos do Serpent e a todos os mortos do mar. Da man de Juan Campos Calvo-Sotelo, autor do libro Náufragos de Antaño e especialista no asunto, imos coñecendo un pouco máis os detalles ocorridos naquel fatídico 11 de novembro de 1890 na Punta do Boi. Esta fin de semana amosaremos un fermoso texto que nos brindou o propio Campos sobre outro Galeón, o Silma, e a súa fermosa historia de amor coa Costa da Morte.

Pero hoxe imos ao que imos. Repasando o naufráxio daquel Cruceiro-Torpedero británico de terceira clase, Campos apuntábanos que efectivamente non tiña un só guardiamarina a bordo. Hai datos que apuntan ata 250 falecidos, pero Campos asegúranos que foron en torno aos 175 os mariñeiros afogados na mar camariñana. Só 3 se salvaron a pesar de todosos esforzos do pobo palilleiro, que se viron recompensados con varios regalos por parte da nobleza e o clero británicos. Entre os apelidos, malia os erros que soen aprecer en escritos, os seus verdadeiros apelidos eran do tipo Burton, Frederick Gould ou Onesiphorous Luxon (non Lacsne como se soe escribir).

Homenaxe anual ao mar

A inteción de Juan Campos é crear unha nova data de homenaxe, de homenaxe popular. Campos cóntanos o seguinte: "A idea é aproveitar a data e a hora cada ano do afundimento do Serpent para homenaxealos a eles e a todos os náufragos da Costa da Morte, aos que teñen nome e apelidos e aos anónimos, tripulantes de gamelas, dornas, lanchas, traiñeiras, galeóns, pataches e pesqueiros cuxos nomes moitas veces nin as crónicas recollen".

O facelo de noite e nun lugar tan emblemático como ese cemiterio engade poder de evocación e romanticismo á cerimonia. Juan Campos agarda "que en anos sucesivos moita xente se achegue esta noite con velas ou flores a cantar unha salve mariñeira e algunha canción galega do mar apropiada".

Fronteiras e orixes

Os límites da nosa Costa da Morte seguen sendo un misterio para o escritor. "Ninguén ten autoridade ningunha para dicir onde empeza ou acaba a Costa da Morte (non son nada partidario da tendencia actual de negarlle á zona sur de Finisterre, quizá ata Corrubedo ou Sálvora, o título), i é que naufraxios moi famosos hóuboos case máis nesa zona que na Norte". O que non ten dúbida para Campos é que "o centro da Costa da Morte é o Cemiterio dos Ingleses".

Falando das orixes do nome da nosa bisbarra, apunta que "está case descartado que o de Costa da Morte teña nada que ver coa morte do sol e o fin do mundo Antigo. Non se atopou ningún documento anterior a 1900 no que apareza ese topónimo. Non o menciona nin sequera George Borrow no seu soado libro (1843)".

Cóntanos Campos que "o que si é interesante é tratar de aclarar quen o acuñou, se foi Pondal nos Eoas, que permaneceron inéditos ata o 2002 ou se foi outro autor". Campos, no seu traballo de documentación, atopou unha cita ben antiga en castelán, "pero que non pode ser a primeira", sendo arredor do 1900 cando Pondal tomou a expresión dalgún autor, ou dalgunhas metáforas que compartían os escritores do momento. O nome, malia non terse publicado, difundiuse ata os nosos días.

Máis información

Fonte

Comentarios