Martes. 08.10.2024
El tiempo

Os trapos sucios das algas na Costa da Morte

Os trapos sucios das algas na Costa da Morte
Sacando-os-trapos-de-argazo-a-rua-en-Muxia-algas

Dicimos o de trapos, pois en Camelle así lle chaman aos mantos de algas que deixan secar nas rúas. Pero o de sucios engadímolo pois segundo nos contan algúns afectados a situación da xente que traballa a alga non está nas mellores condicións.

Que foi do Plan de Explotación do argazo? Dende que o o PP rexeitara a súa regulación no 2009, apenas escoitamos falar del nun recente pleno fisterrán (moción tamén rexeitada polo grupo de goberno), e pouco máis. E iso que a recollida de argazo é unha das actividades económicas máis antigas da Costa da Morte. A típica actividade que, ademais, sempre volve crecer en tempos de crise, pois ademais dos típicos pensionistas, moitos mozos, parados, intentan sacar unha axuda a través desta práctica tan tradicional.

O argazo no Museo do Mar

Moita xente da zona sae cada primavera a apañar o argazo, ben sexa para utilizar como abono para as súas leiras, ou ben para vender ás poucas empresas do arredor que as transforman e aproveitan. Estas empresas están en Camelle, Muxía ou Barizo, por exemplo.
Cómpre destacar que as algas non só serven para consumir como alimento (o seu consumo continúa en forte aumento) senón que conteñen compostos, como o agar-agar, que se utiliza en numerosas industrias como xelificante ou espesante.

Pois ben, toda esta xente está nun limbo legal. A súa actividade é alegal, non contan nin con licenzas, hai un control nin un tope de extracción, nin sequera guías, e, por suposto, non están dados de alta na seguridade social. Evidentemente as autoridades fan a vista gorda, i é que só faltaba que aínda por riba os multasen. "É mellor estar traballando que facendo algo malo por aí", entenden os propios axentes do Seprona cando atopan un apañador en plena faena.

Pero ademais disto, ao non existir unha regulación, moitos quéixanse dos prezos abusivos das empresas que mercan o argazo. Cóntanos un particular como nalgún momento tivo que vender un par de sacos de 100kg a 90€, a menos de 1€ o quilogramo de alga, seca!.

"É un traballo tremendo. Tes que mollar as orellas para, se cadra, apañar 3 ou 4 sacos. Despois carrexalos ribeira arriba co que pesan cando están mollados; estiralos no paseo para que sequen. E de aí á empresa de turno a esperar que paguen o que consideren oportuno", explican. "E ollo de non caer ao mar... que xa algunha vez salveime de milagre", recorda indicando que se ben que o traballo non é tan perigoso como o de percebeiro, si que ten os seus riscos.

Algas secando entre Camarinas e Camelle

Novas relacionadas

Fonte

Comentarios