xoves. 05.02.2026
El tiempo

A Asoc. Astroturismo da Costa da Morte apela á redución da contaminación lumínica

Asemblea Asociacion Astroturismo Costa da Morte 2
A Asoc. Astroturismo da Costa da Morte apela á redución da contaminación lumínica

O compromiso coa protección dos ceos escuros, a educación ambiental e o desenvolvemento dun astroturismo sostible e responsable na Costa da Morte. 

Estes son os principais alicerces da Asociación de Astroturismo da Costa da Morte, reafirmados na primeira asemblea ordinaria celebrada este martes 3 de febreiro celebrouse na Casa da Cultura de Vimianzo. Presidida por Yolanda Díaz Romero, contou cunha alta participación de socias e socios da entidade, e serviu para aprobar a memoria de actuacións e o balance económico de 2025, así como o programa de actividades e o orzamento para o exercicio 2026.

O plan aprobado inclúe accións de sensibilización cidadá, educación ambiental e prevención, con especial atención á protección do ceo nocturno, á redución da contaminación lumínica e á preparación da poboación para a observación segura do eclipse, previstas para os 17 concellos que integran o Destino Starlight Costa da Morte.

Co obxectivo de mellorar a planificación e a execución destas accións, a asemblea acordou a creación dun banco de voluntariado, no que se recollerá a dispoñibilidade das persoas asociadas, monitores Starlight e socias/os colaboradores, favorecendo unha mellor coordinación das accións no territorio.
Aproveitouse a ocasión para amosarlles en primicia a web da entidade: www.costadamortestarlight.wordpress.com.

Asemblea Asociacion Astroturismo Costa da Morte
A Xunta Directiva da Asociación Astroturismo Costa da Morte

A asociación conta cunha base social altamente representativa, xa que as persoas asociadas poden ter a condición de monitores Starlight e/ou socias/os colaboradores.

Un curso como xérmolo da Asociación

Na actualidade, o 75% das persoas asociadas son monitores Starlight; tamén conta con diferentes perfís que aínda non sendo monitores starlight teñen algunha vinculación ou especial interese no astroturismo. Isto o que fai é enriquecer á Asociación con diferentes puntos de vista que aportan diversas olladas a prol dun desenvolvemento sostible do astroturismo no territorio.

Como curiosidade, no ano 2023 celebrouse en Vimianzo o curso de formación impartido pola Fundación Starlight “Monitores/as Astroturísticos/as Starlight”, sendo un total de 42 as persoas formadas e acreditadas como monitores starlight. A día de hoxe, 24 desas 42 persoas forman parte da Asociación de Astroturismo da Costa da Morte, representado polo 57,14% de monitores starlight. Consolídase así esta entidade como un axente clave na defensa do patrimonio nocturno da comarca.

Máis novas

Comentarios