xoves. 05.02.2026
El tiempo

Últimas entradas para a estrea mundial de "Territorio Regueifa"

Presentacion Territorio Regueifa-Vane Rábade
Presentación oficial de "Territorio Regueifa"-Foto: Vane Rábade
Últimas entradas para a estrea mundial de "Territorio Regueifa"

Quedan as últimas entradas para a estrea mundial de "Territorio Regueifa". O espectáculo coproducido polo Centro Dramático Galego xunto ao Festival Internacional Outono de Teatro (FIOT) e a compañía coruñesa Ainé, estrearase o venres 6 de febreiro, ás 21,00 h, no Pazo da Cultura de Carballo.

Onte, celebrouse a presentación oficial da obra, dirixida por José L. Prieto, que aposta polo teatro, música, humor e improvisación na que o trío regueifeiro (Manolo Maseda, Lupe Blanco e Josinho da Teixeira) introduce o público nesta arte: as súas orixes, a súa evolución e a súa vixencia na actualidade. A montaxe combina divulgación, escenas teatrais e participación directa, facendo do público unha parte activa da función e ofrecéndolle unha pequena iniciación á improvisación oral cantada.

O espectáculo recrea distintas situacións arredor da palabra improvisada, desde a primeira regueifa da historia ata a incorporación das mulleres ao mundo da disputa rimada, pasando por xogos co presente e coa linguaxe. O resultado final será unha grande festa musical que converterá o espazo carballés nunha celebración colectiva na que destacan deseño de iluminación de Gonzalo Porteiro e a escenografía de Carlos Alonso.

Presentacion Territorio Regueifa-Vane Rábade 2
Foto: Vane Rábade

Máis funcións na Rede Galega de Teatros e Auditorios

Trala estrea no Pazo da Cultura de Carballo, Territorio Regueifa poderá verse o 7 de febreiro en Redondela (Pontevedra), no Edificio Multiúsos da Xunqueira; o 6 de marzo en Boiro (A Coruña), no Centro Social de Abanqueiro; e o 23 de maio en Burela (Lugo), na Casa da Cultura. Todas elas son funcións incluídas na programación do primeiro semestre da Rede Galega de Teatros e Auditorios. 

Comentarios