Piden que os canóns do séc. XVI rescatados en Camariñas queden na Costa da Morte
A riqueza do patrimonio subacuático da Costa da Morte segue dando que falar en toda Galicia. Esta semana, a empresa Archeonauta, de Miguel San Claudio, xunto con especialistas da Armada e técnicos da Consellería de Cultura rescataban dous canóns do século de XVI do fondo da ría de Camariñas, dun pecio situado preto da Virxe do Monte.
Este pecio foi atopado oficialmente por un home de Camariñas, que deu parte ás autoridades. Hais uns meses realizouse unha campaña de investigación científica no fondo do mar, e a Armada e a Xunta decidiron proceder á actuación.
Unha vez recuperados do fondo mariño, de inmediato foron trasladados á base da Armada en Ferrol e alí estarán sumerxidos para a súa mellor conservación para despois levalos ao Museo do Mar de Vigo e alí sometelos a un tratamento específico e custodialos. Un procedemento habitual ante a falta, na Costa da Morte, dun espazo específico.
"O mellor sitio onde deberían quedar é aquí, pero non hai medios nin infraestruturas", lamenta San Claudio. "Levamos 32 anos para crear o Centro de Arqueoloxía Subacuática da Costa da Morte, pero sen apoio das institucións nin da clase política é imposible... Xa fixemos ata 4 proxectos diferentes tanto para a Deputación como para varios concellos, e só foi unha perda de tempo. Dentro dun mes xa se terá olvidado, e se volverá formular outro achádego. E así ata a seguinte", denuncia con rotundidade ao tempo que valora a infinita riqueza arqueolóxica patrimonial dos fondos das nosas rías.
Auditorio do Mar
En todo caso, os intentos por manter o patrimonio xa comezaron. A alcaldesa de Camariñas, Sandra Insua, está en contacto coa Dirección Xeral de Patrimonio da Xunta de Galicia e xa trasladou o desexo de que os canóns atopados onte queden en Camariñas.
Desde Patrimonio comunicaron que para conceder unha cesión indefinida ao Concello de Camariñas destes canóns a alcaldesa debía poñerse en contacto coa Directora Xeral de Patrimonio pero aínda non foi posible. Aínda así, desde Patrimonio explicaron que o requisito imprescindible é o de contar cun museo axeitado para a súa conservación, xa que polas súas características e o seu valor non poden estar ao aire libre por risco de expolio.
Polo tanto, o traslado dos canóns a Camariñas podería levarse a cabo en canto o Auditorio do Mar sexa unha realidade. Agora mesmo, está a traballarse na redacción da memoria deste proxecto para presentarlla a Portos e que este organismo a estude e dea luz verde á obra.
O obxectivo do goberno local é que os canóns pasen a formar parte do patrimonio material do pobo nun futuro non moi lonxano. O mesmo caso que os canóns do Castelo do Soberano (recuperados hai case 10 anos), que continúan no almacén municipal pero que está previsto que se restauren en breve.
Mentres estragamos unha oportunidade idónea deixando esfolarse o Museo Seo de Corcubión, as voces que piden a creación dun Museo Subacuático da Costa da Morte seguen levando a razón unha e outra vez.
Novas relacionadas
- Miguel San Claudio: ”Ogallá os responsables políticos sexan conscientes do que teñen co patrimonio náutico e subacuático da Costa da Morte e lle saquen partido”.
- Estragando unha gran ocasión co esfolado Museo Seo de Corcubión.
- 2011: A Xunta asegura que estudiará a creación do museo subacuático da Costa da Morte.