mércores. 27.08.2025
El tiempo

Preocupación en Camariñas polo peche prolongado do ISM

ISM Camarinas
Preocupación en Camariñas polo peche prolongado do ISM

O Concello de Camariñas expresa a súa fonda preocupación polo peche da oficina do Instituto Social da Mariña (ISM) na vila, que leva xa varias semanas sen prestar servizo.

A alcaldesa de Camariñas, Sandra Insua, púxose en contacto coa Subdelegación do Goberno para coñecer os motivos desta situación. Segundo a información recibida, a oficina permanece pechada porque a persoa que viña atendendo o servizo deixou o posto, e a persoa de novo ingreso que ía incorporarse solicitou unha excedencia no mesmo acto de toma de posesión. Isto está a dificultar a cobertura inmediata da praza.

Dende o Concello lémbrase que o ISM é un servizo fundamental para a veciñanza de Camariñas, especialmente tendo en conta a importancia do sector mariñeiro no municipio. O peche da oficina está a causar graves prexuízos, obrigando ás persoas usuarias a desprazarse a outras localidades para realizar trámites básicos.

“Non é de recibo que Camariñas, cunha fonda tradición mariñeira e tantas familias que dependen do mar, quede sen un servizo esencial como o do ISM. Esiximos que se habiliten as medidas necesarias para restablecer canto antes a atención na nosa vila”, subliñan dende o Concello.

O goberno local continuará facendo seguimento desta situación e demandando a reapertura inmediata da oficina.

Comentarios