Sergi March: “En C’s queremos ser o voto-proposta da Costa da Morte”


Unha nova formación política achega as súas redes á Costa da Morte. Xa levan varias semanas desenvolvendo reunións con asociacións de veciños, agrupacións de empresarios, colectivos veciñais... De feito, xa veñen de demandar a volta da Policía Nacional a Carballo.
Hoxe coñecemos un pouco máis ao grupo Cidadáns (C’s) na Coruña, un grupo que “veu para quedarse nun proxecto a medio longo prazo”, segundo asegura o seu voceiro Sergi March. A formación quere ser “o voto-proposta, que non o voto protesta, da Costa da Morte”.
Polo de pronto, están en proceso de creación de agrupacións locais polos concellos da volta. Unha vez creadas ditas agrupacións serán elas mesmas, despois de eleccións primarias entre os afiliados de cada agrupación, as que decidan si presentanse as eleccións municipais de maio. "En principio o que si descartamos son as coalicións cos grupos políticos xa creados", apúntanos March.
A raíz das recentes noticias que vinculan a Cidadáns con posibles candidaturas ás alcaldías dos concellos da Costa da Morte, March quixo precisar algunhas informacións, entre elas a súa posible candidatura nas próximas municipais: “C’s comezou a súa actividade en todas as bisbarras e cidade da Coruña, co obxectivo de desenvolver un labor a medio e longo prazo e bases sólidas na súa relación coa sociedade coruñesa”.
O voceiro da agrupación de C’s na Coruña congratúlase de ter xa “grupos de afiliados de Carballo, A Laracha, Camariñas, Vimianzo, Cee, ou concellos das Mariñas, como Cambre, Oleiros, Sada ou Betanzos e A Coruña”. “C’s mantivo diversas reunións con colectivos veciñais, partidos políticos, e asociacións diversas, que foron o inicio da súa actividade na zona”, explicou. Ademais, March engadiu sobre as posibles candidaturas futuras que “todos os afiliados poden participar como electores e elexibles”.
Novas relacionadas
Fonte
- Redacción de QPC (info@quepasanacosta.gal).