![bruxelas]()
Técnicos do concello de
Camariñas, Dumbría e Ponteceso - xunto cos de Cerdido, Curtis, Arteixo, Cabanas, San Sadurniño, Abegondo e Narón - participarán na
semana europea das Rexións que se celebra entre os días 10 e 13 de outubro en Bruxelas onde asistirán a charlas, obradoiros e seminarios para coñecer os programas europeos e crear lazos con entidades de outros países comunitarios.
Este encontro está organizado pola Deputación da Coruña, a través do centro de información da Comisión Europea, Europe Direct. Trátase dunha iniciativa do Comité das Rexións dirixida a autoridades locais dos 28 países da Unión Europea, para informar sobre os programas de financiamento europeos e crear lazos de colaboración entre os concellos.
O evento, que cumpre a súa décimo terceira edición, terá lugar en Bruxelas cunha asistencia estimada de 6.000 delegados de concellos e autoridades locais. En representación da provincia da Coruña, asistirán técnicos do concellos de Camariñas, Cerdido, Curtis, Arteixo, Cabanas, San Sadurniño, Dumbría, Abegondo, Narón e Ponteceso, ademais do deputado de promoción económica, José Luis García, e a responsable de Europe Direct A Coruña, Cristina Couto.
Os técnicos participarán en diversas charlas, obradoiros, debates, visitas e seminarios, entre os días 10 e 13 de outubro, centrados no crecemento económico sostible, a elaboración de políticas económicas inclusivas e os fondos ESI - Fondos Estruturais e de Investimento -.
En concreto, realizaranse obradoiros sobre
cómo adaptar os espazos ás persoas de idade avanzada, os
beneficios das enerxías renovables e a economía circular, ou
innovacións para dinamizar o rural, entre as 22 actividades previstas. Ademais, os representantes coruñeses realizarán unha visita guiada ao Parlamento Europeo e reuniranse cos europarlamentarios galegos José Blanco López, Francisco Millán Mon e Lidia Senra Rodríguez.
O perfil dos técnicos asistentes é moi variado, e inclúe axentes de emprego, técnicos de xuventude e cultura, traballadores sociais e técnicos medioambientais.
Fonte
- Redacción QPC (info@quepasanacosta.com)
- Deputación