Luns. 07.10.2024
El tiempo

Unanimidade en Corcubión contra o desmantelamento do Partido Xudicial

Unanimidade en Corcubión contra o desmantelamento do Partido Xudicial

Máis dunha hora de pleno, con unha morea de discusións bizantinas polo camiño, para que o Pleno extraordinario de Corcubión aprobase, por unanimidade, unha moción conforme o Concello corcubionés rexeita o desmantelamento dos Partidos Xudiciais no estado, e máis concretamente a supresión da Cabeza de Partido da vila de San Marcos.

Un desmantelamento que como vimos apuntando, coa reforma proposta quedarían só 4 sedes na provincia, Santiago, Coruña e Ferrol, e outro que podería ser en Ribeira ou Noia. Nunca en Corcubión, nin en Muros, onde por agora non se postularon. Así e todo non está confirmado se se suprimirían os xulgados e está no aire que se vai tratar de especializalos no canto de pechalos.

Agardábase unha mobilización veciñal importante, en tanto que os Xulgados son unha importante fonte de ingresos na vila, tanto a modo de traballadores, como de visitantes. Non foi o pleno máis concorrido a pesar do no horario (20:30h cando os plenos estábanse realizando ás 13:30h), pero si que foron máis de 30 veciños os que se achegaron á Casa do Concello.
Non tanto os traballadores dos Xulgados, e só puidemos ver 4 traballadoras dos 15 postos que ten as dependencias xudiciais.

Unanimidade, con matices

Así, o pleno necesitou case hora e media para votar un único punto do día, no que ademais estaban todos a favor. Pero unha vez máis, as discusións banais e as faltas de respeto entre o alcalde e a voceira do PP fixeron interminable a sesión..

O alcalde abríu o pleno deixando claro que non recibiron comunicado oficial, pero que esta proposta vai en contra da lei de proximidade e mesmo vulnera a Constitución. Ademais instou que a moción se levará a nivel comarcal.

Era precisamente a posición da voceira do PP Gema Freire a máis interesante dada a súa condición. "Imos votar a favor poruqe somos veciños antes que políticos", declarou Gema, falando en nome do PP de Corcubión, algo que deixou claro o seu compañeiro Luís Abelleira.
Freire, que felicitou ao alcalde polo horario, recordou que "isto é só un documento de traballo". Destacou que se trata dun "informe do Consejo Superior del Poder Judicial, que non é un órgano lexislativo, polo que non entendo este falso debate, pois aínda non hai nada en firme e ademais non se vai facer nada sen o consenso das Comunidades Autónomas".
E a realidade é que o Tribunal Superior de Justicia ten agora 3 meses para estudialo, e esto parece ser un novo globo-sonda que lanza o goberno de Rajoy para pulsar a poboación antes de proceder coas reformas pertinentes.

Freire fixo tamén unha clara crítica ao ex ministro Caamaño (que precisamente presenta hoxe en Corcubión para a Costa da Morte a súa candidatura ao PSdG coruñés). I é que denunciou que o ex ministro xa solicitara un informe no que, segundo Freire, "deixaba nas mans da xenerosidade a reorganización dos partidos xudiciais". Algo que rebatiu o alcalde que sinalou que o informe non pedía recortes. En todo caso llo preguntaremos nunha entrevista que temos concertada para esta semana para unha nova colaboración en QPC.

Freire quixo incluír un punto na moción, que viña a indicar que en caso de que se leven adiante os recurtes, que sexa Corcubión o que acolla as dependencias. PSOE e BNG rexeitaron incluíla na moción.

Pola súa parte, o BNG (faltou o seu voceiro Oscar Insua), tras unha disertación crítica contra a centralización de servizos, pediu engadir un par de puntos á moción, como a redacción dun manifesto a nivel comarcal e achegalo non só aos Concellos, se non que tamén ás entidades sociais e á veciñanza. Ademais, estaría diposto a engadir un punto para instar á Xunta a solicitar as competencias en materia de Xustiza.

Finalmente, votación e 8 a favor.

Traslado do Xulgado de Paz de Camariñas

E nesta liña de xulgados, sinalamos que desde o día de hoxe o Xulgado de Camariñas ten as súas dependencias no Centro de Iniciativas, situado na Rúa do Río do Prado, ao lado do Centro de Saúde.
Con este traslado ao centro urbano de Camariñas o concello "pretende aforrar o custo do aluguer do anterior local e de enerxía eléctrica e tamén aumentar o uso deste edificio municipal".

O Xulgado está situado na terceira planta do Centro de Iniciativas e pódese acceder a el utilizando o ascensor.
A pesar de que hai más de 10 días que se solicitou, Telefónica aínda non trasladou a liña de teléfono ás novas dependencias. O número do Xulgado seguirá sendo o 981 736 003 , e a dirección de correo electrónico tamén: [email protected].

Novas relacionadas

Fonte

Comentarios