As 21 guerrilleiras investigadoras carballesas

07:27 06/02/25
No marco Día Internacional da Muller e a Nena na Ciencia, o Concello de Carballo quere vinculalo co Día Internacional das Mulleres. E unha das accións do completo programa, é unha fermosa exposición que levar por título "Mulleres guerrilleiras: investigadoras de Carballo". Un dos camiños para impulsar as vocacións STEM entre nenas e mozas, fomentar a incorporación das mulleres a profesións masculinizadas e difundir os avances sociais que se están a acadar grazas ao traballo das investigadoras carballesas.
A mostra estará situada na Praza do Concello, na Rúa Coruña, e o acto inaugural, aberto a toda a veciñanza, celebrarase este sábado 8, ás 12.00 horas.
As primeiras 21 protagonistas:
- 1. María Andrade Suárez, investigadora en Socioloxía Urbana e Socioloxía da Cultura e Políticas Culturais. Directora do Departamento de Socioloxía e Ciencias da Comunicación (UDC), coordinadora do Grupo de Estudos Territoriais (GET) e investigadora na Universidade de Barcelona.
- 2. Pepa Arán Paredes, matemática, modelizadora de riscos en agricultura.
- 3. Marga Barral Martínez, profesora de Historia contemporánea na Facultade de Xeografía e Historia da Universidade de Santiago de Compostela (USC). Doutora europea en Historia con Premio extraordinario (2005). Investiga a historia cultural e das identidades.
- 4. Verónica Bolón Canedo, enxeñeira e doutora en Informática, e investigadora en novos métodos de intelixencia artificial que sexan máis éticos e sostibles.
- 5. Teresa Búa Zaché, xurista e, nestes momentos, opositora. Investiga sobre a lexislación con perspectiva de xénero.
- 6. Lucía Díaz Platas, doutora en Biomedicina e Farmacia e Farmacéutica Especialista en Radiofarmacia. Vicepresidenta da CNERF (Comisión Nacional da Especialidade de Radiofarmacia).
- 7. Désirée Domínguez Pallas, directora do Arquivo Histórico da USC e secretaria executiva da Conferencia de Arquivos das Universidades Españolas.
- 8. Gloria María Fraga Rodríguez, doutora en Medicina pola Universitat Autònoma de Barcelona. Adxunta de Nefroloxía Pediátrica. Investiga tratamentos para enfermidades renais minoritarias con mal prognóstico.
- 9. María Gómez Brandón, profesora Titular no Departamento de Ecoloxía e Bioloxía Animal da Universidade de Vigo. O seu campo de investigación é a bioconversión de residuos orgánicos mediante tecnoloxías de baixo impacto ambiental para tratar, xestionar e valorizar eses residuos.
- 10. María José Lema Gesto, doutora en Bioloxia pola Universidade de Santiago de Compostela (USC). Directora da Sección de Edafoloxía da Estación Fitopatolóxica Areeiro (Pontevedra), que conta con varias liñas de traballo focalizadas en profundar no diagnóstico da nutrición dos cultivos.
- 11. Sonia Mosteiro Añón, neurorradióloga intervencionista do Complexo Hospitalario Universitario A Coruña
- 12. Lara Pallas Quintela, enxeñeira informática e investigadora no eido da astrofísica computacional.
- 13. Karina Pombo García, xefa dun Laboratorio de Investigación en Oxford. Investiga como as nosas células epiteliais se unen para formar tecidos que nos protexen da entrada de patóxenos afectados nas enfermidades intestinais.
- 14. Olalla Rama García, enxeñeira informática. Especialista en ciberseguridade: analista e xestora de vulnerabilidades.
- 15. Jessica Rodríguez Vilar, doutora en Química pola Universidade de Santiago de Compostela. Investigadora Ramón y Cajal en Química.
- 16. Patricia Seoane Collazo, investigadora posdoutoral no Facultade de Mediciña da Universidade de Tsukuba (Xapón), poñendo o foco na interacción entre os mecanismos que regulan o balance enerxético e o sono no noso cerebro.
- 17. Eva María Souto García, profesora de Dereito Penal da Universidade da Coruña e membro do grupo de investigación Criminoloxía, Psicoloxía Xurídica e Xustiza Penal no século XXI (ECRIM).
- 18. Lucía Tasende Rodríguez, grao en Física e Química e máster en Materiais e Nano Química. Investigadora en nanomateriais luminescentes
- 19. Xanel Vecino Bello, profesora e investigadora Ramón y Cajal no departamento de Enxeñaría Química da Universidade de Vigo especializada na transformación dos residuos e materias primas secundarias en produtos de alto valor engadido, como biodeterxentes e ecoadsorbentes.
- 20. María Vilanova Pereira, fisioterapeuta. Profesora da Facultade de Fisioterapia da UDC. Doutoranda. Investiga os efectos que a marcha nórdica pode ter en pacientes con asma.
- 21. Alba Vilariño Porteiro, graduada en bioloxía cun mestrado en biotecnoloxía avanzada. Traballa no Centro Tecnolóxico de Investigación Multisectorial (CETIM) en Culleredo, investigando procesos de biohidrometalurxia.