300 escolares subiron ao “trolebús literario” carballés
- Os centros educativos interesados poden solicitar as visitas guiadas a través do enderezo electrónico comunicacion@carballo.gal

Fermosa a proposta do Concello de Carballo de ofrecer as visita guiadas aos centros de ensino da comarca para coñecer a vila a través do Mapa Literario de Carballo. Xa son a día de oxe, 290 os escolares carballeses que se subiron a bordo do trolebús literario para percorrer os recunchos urbanos vinculados aos autores da contorna ou ás súas obras.
A pasada semana realizaron a actividade dous grupos do CEIP Plurilingüe A Cristina. Nos últimos meses tamén foron de ruta nenos e nenas dos colexios Xesús San Luís Romero e Fogar, os que se montaron neste vehículo imaxinario cun condutor de primeira como Hadrián García, historiador, músico e guía, que transporta aos nenos e nenas polas nosas rúas para darlles a coñecer os autores e autoras locais, a literatura inspirada no noso concello e os recunchos dos que parte esa inspiración. Ademais dun importante recurso cultural, o Mapa Literario de Carballo é unha ruta turística e constitúe unha nova aposta pola mobilidade sostible.
O mapa inclúe dúas liñas, cada unha das cales ten varias paradas. A Liña 1 xa está sinalizada, de xeito que nas paradas atoparemos un panel co esquema da ruta, o fragmento ao que fai alusión esa parada, o nome do autor ou autora e un código QR que enlaza coa páxina web do Mapa Literario de Carballo. En breve procederase tamén á sinalización da Liña 2 e para estreala realizarase unha saída aberta a toda a cidadanía.
Máis novas