5 espectáculos para Primavera enDanza de Carballo, un programa único en Galicia
Este venres 9 de abril ponse en marcha un programa unico en Galicia, como así refrenda a Xunta co seu apoio. O Primavera enDanza volve ás súas datas habituais (o ano pasado celebrouse no outono), coincidindo co Día Internacional da Danza (29 de abril). Faino este ano con 5 espectáculos, que se celebrarán no Pazo da Cultura entre o 9 e o 23 de abril.
As entradas, a 3€, do primeiro espectáculo xa están disponibles en www.ataquilla.com. Será Kirenia Martínez, da Kirenia Danza, a que abra o ciclo este venres 9 co espectáculo “Emigrantas”, no que, como ela mesma explicou, “falamos dunha nova emigración, desa última diáspora de persoas de 18 a 40 anos que saíron e viven a súa experiencia central dende a muller”.
Outra muller, Marta Alonso, é a creadora e protagonista de “Bailar agora”, a proposta que poderemos ver o día 16. É un espectáculo “autobiográfico” e cheo de sorpresas que “hai que vivir”, polo que o mellor é descubrilas en directo. Marta Alonso estará dobremente presente nesta Primavera enDanza, posto que tamén participará o día 18 no espectáculo infantil e familiar “Nina Ninete” de Paula Quintas e Traspediante.
Residencia
Marcos Trigo explicou que este ciclo contará tamén cunha residencia artística, cunha estrea do espectáculo “Mocap”, do creador Matías Daporta, que iniciou o seu proxecto en Carballo durante unha Residencia Paraíso e que agora ofreceránolo en exclusiva o día 22. “Temos dous días e medio de residencia técnica en Carballo, e tamén estamos moi agradecidos, porque será unha estrea mundial e absoluta do proxecto”, sinalou.
Programa
- Venres 9 de abril (20.00 horas). “Emigrantas”, Kirenia Danza (Galicia). Público adulto.
- Venres 16 de abril (20.00 horas). “Bailar agora”, Marta Alonso Tejada (Galicia). Todos os públicos.
- Domingo 18 de abril (18.00 horas). “Nina Ninette”, Paula Quintas – Traspediante (Galicia). Público infantil e familiar.
- Xoves 22 de abril (20.00 horas). “Mocap”, Matías Daporta (Galicia). Estrea absoluta. Público adulto.
- Venres 23 de abril (20.00 horas). “After the party”, Thomas Noone Dance (Cataluña). Público adulto.