O Curso de Verán da UDC en Carballo avaliou o estado da lingua
Esta semana, o Forum Carballo acolleu un Curso de Verán da Universidade da Coruña que afondou sobre a situación lingüística do país. Formulado para estudantes e técnicas de normalización do país, o XIX Curso «Traballando en Lingua» estivo centrado este ano na memoria democrática e na normalización lingüística.
O acto pon de manifesto o compromiso do concello carballés no proceso de galeguización continuo que vive dende hai décadas, e tamén dende que Carme Pereiro tomou o mando do Servizo de Normalización Municipal. A participación, como ente promotora, do concello en iniciativas como Alingua, Apego ou Youtubeiras así o refrenda.
”Carballo é un axente activo que respira, traballa e fala en galego todos os días do ano”, sinalou o alcalde Daniel Pérez López, na xornada de inauguración do martes, que protagonizou xunto á vicerreitora da UDC, Cristina López Villar, e o secretario xeral da Lingua, Valentín García. Tras a benvida institucional, o doutor en Filoloxía Románica e catedrático Francisco Rodríguez Sánchez impartiu a conferencia “O conflito lingüístico na Galiza de hoxe”.
Na xornada do martes pasaron tamén polo micro xentes como Xosé Manuel Sánchez Rei, Ana Isabel Boullón, Conchi Cochón, Cristina López, Alexandre Pérez, Ramón Mariño, Tareixa Novo, Aldara Palemiro, Moncho Lemos.
O mércores arrincaba cunha mesa sobre os Medios en Galego, moderada por Ubaldo Cerqueiro, responsable do diario dixital Quepasanacosta, e socio fundador e actual secretario da Asociación de Medios en Galego (AMEGA). A entidade tamén presentaba á mesa á actual vicepresidenta, Rebeca Munín, directora da revista Pincha; María Obelleiro, ex directora de Nós Diario e agora de profesora do Primaria; así como o director do Galicia Confidencial, Xurxo Salgad.
Os 4 fixeron un repaso histórico dende o pioneiro Tío Marcos da Portela, do que este ano se celebrou o 150 aniversario no Día dos Medios en Galego, ata a actualidade, onde temos un mapa con 140 medios en galego. Con todo, acabaron denunciando a discriminación da Xunta en materia de financiamento dos medios do país.
A xornada matutina rematou cun interesantísimo roteiro polo mapa literario de Carballo da man do historiador local Hadrián García Pérez.

