venres. 10.07.2026
El tiempo

A Praza dos Libros de Carballo celebra 20 anos de resistencia cultural

Xurxo Borrazas na Praza dos Libros de Carballo
A Praza dos Libros de Carballo celebra 20 anos de resistencia cultural

Carballo inaugurou este xoves a vixésima edición da Praza dos Libros para converterse durante catro días no corazón cultural de toda a comarca, e reivindicar a literatura e a lingua propia non como meros elementos de consumo, senón como ferramentas vivas de resistencia, empatía e pensamento crítico.

Fronte á vertixe dixital dos influencers de masas e o consumismo inmediato dunha mocidade empuxada a facer burpees ou a desexar un lambo, Pedro Feijoo, o pregoeiro de luxo desta simbólica PLIC, erixiu o libro como o maior perigo para o conformismo social: "Non interesa fomentar a lectura porque saben de sobra que as persoas que len son poderosas. Porque pensan. E iso fainos perigosos".

Inauguracion Praza dos Libros de Carballo 2026

O acto de apertura, arroupado polos acordes da Banda Municipal de Gaitas de Carballo, encheu a carpa da PLIC. Pedro Feijoo fuxiu dos discursos pomposos e cargados de "adxectivos esdrúxulos" para afondar na verdadeira transcendencia da lectura nestes tempos convulsos: “Nun país que por demasiado tempo nos quixeron convencer de que estaba feito de tebras e escuridade”, hai barrios, vilas e aldeas nas que se prende un farol, dixo. E todas esas luces -continuou- tecen “unha rede de sinais que nos marcan o mapa dos camiños da cultura en Galicia. E no medio desa rede, brillando con especial forza, loce a vosa luz. Este faro de Carballo, que prendeu por primeira vez van agora alá vinte anos, para sinalarnos desde entón onde teñen en Galicia os libros a súa praza”. 

En perfecta sintonía, o alcalde de Carballo, Daniel Pérez, fixo fincapé no valor político e humano de "deter o tempo". Nun contexto marcado polo inmediato, o urxente e o coñecemento encapsulado en vídeos de vinte segundos dun reel, o rexedor carballés reivindicou a lectura. "Ler un libro constitúe un acto de resistencia e unha auténtica declaración de intencións. Resistencia á desinformación e á necidade", asegurou Daniel Pérez.

A concelleira de Bibliotecas, Arquivo e Normalización Lingüística, Ángeles Pacoret, botou a vista atrás para lembrar aquel soño que naceu hai vinte anos, cando desexaron que os libros "saíran ao sol e respiraran a brisa do estío". Ese soño medrou co arrecendo do pan acabado de cocer mesturado co aroma da tinta, co riso das crianzas e co balbordo de Carballo.

Despois do acto inaugural e do tradicional percorrido polas librarías, Pedro Feijoo asinou no Libro de Honra do Concello de Carballo: “Amigas e amigos carballeses, aos que xa chamo veciños. Non imaxinades a alegría e o orgullo que me produce formar parte xa da vosa familia, tan chea de talento, cultura e, sobre todo, agarimo e xenerosidade. Longa vida a vós, Carballo, faro de tantas luces”.

 

Comentarios