Venres. 29.03.2024
El tiempo

A vermicompostaxe ponse en marcha en Carballo

A vermicompostaxe ponse en marcha en Carballo
vermicompostaxe-carballo As lombrigas de terra serán as protagonistas deste pioneiro programa de compostaxe doméstica 22 familias de Carballo xa teñen nas súas casas uns novos inquilinos que lles axudarán a tratar de forma correcta a materia orgánica que desboten. Así, o pasado sábado membros do concello e de Sogama entregaron o material necesario para poñer en marcha o programa de vermicompostaxe; unha iniciativa pioneira na comunidade. O obxectivo desta iniciativa, do mesmo xeito que no caso da compostaxe doméstica, é poñer en valor a materia orgánica e darlle un tratamento ecolóxico que permita aproveitala in situ e transformala nun abono natural con excelentes propiedades para o chan. A fin de instruír aos veciños e veciñas participantes nesta nova técnica, persoal da empresa Ecocelta, con sede en Ponteareas (Pontevedra) e especializada na fabricación de abonos ecolóxicos, impartiu un curso de formación presencial no que explicaron a operativa a seguir nun proceso protagonizado por lombrigas de terra, que inxiren a materia orgánica e excrétana en forma de humus, un excelente fertilizante que, segundo criterio dos expertos, pode chegar a superar incluso as bondades do compost doméstico. De feito, presenta unha gran bioestabilidade, sendo rico en encimas, acedos húmicos e fúlvicos, microorganismos e fitohormonas, características todas elas que lle outorgan un gran poder agronómico, favorecendo o crecemento vexetal, mellorando a estrutura do chan e propiciando unha maior resistencia dos cultivos fronte a pragas e enfermidades. Operativa carballo-vermicompostaxe As 22 familias participantes no programa recibiron formación sobre a operativa a seguir Durante a actividade formativa explicaronse os pormenores da dinámica a seguir: desde a localización do vermicompostador, conformado por tres caixóns independentes, dispostos en vertical, pero conectados entre si, materiais que deben e non deben ser depositados no mesmo, temperatura ideal para preservar a vida das lombrigas e o control de parámetros tales como pH, salinidade e humidade, así como temperatura e relación Carbono/Nitróxeno, entre outros. O vermicompostador tipo que se entregará a cada un dos usuarios dispón dunha poboación aproximada de 200 lombrigas adultas eisenia andrei que consomen diariamente 450 gramos de materia orgánica. Recoméndase remover a mestura periodicamente para manter a súa osixenación, evitar a exposición directa das lombrigas ao sol, xa que son fotofóbicas, manter a humidade en aproximadamente o 70% e a temperatura entre os 15 e os 25º C. Finalmente, aconséllase que o produto final (vermicompost) sexa colocado sobre unha superficie plana para propiciar o seu secado e maduración, así como illalo do chan, a humidade e a choiva, resultando aconsellable almacenalo en sacos de rafia que permitan a transpiración. Estas e outras cuestións recóllense igualmente nun manual didáctico que tamén será entregado ás familias participantes. Carballo, xunto coas Pontes de García Rodríguez, son os dous únicos concellos que, actualmente, e da man de Sogama, están a levar a cabo un dobre programa de compostaxe (compostaxe doméstica e vermicompostaxe) co que pretenden contribuír a unha maior sustentabilidade e facilitar o tránsito desde unha economía lineal, caracterizada polas malas prácticas de extraer-fabricar- usar-tirar a unha circular na redúzase a produción de residuos e limítese o consumo dos xa escasos recursos naturais. Novas relacionadas Fonte

Comentarios