Adxudicadas as obras de mellora na estrada de Carballo a Sísamo por 270.717 euros
07:05 11/11/16
As obras de mellora da estrada que une Carballo e Sísamo terán unha duración de seis meses
A empresa "excavaciones y obras Candal S.L" será a encargada de realizar as obras de mellora na estrada DP-1901 que une Carballo e Sísisamo por importe de 270.717 euros.
Os traballos executaranse nun tramo de 730 metros, a partir da intersección da avenida das Flores coa rúa da Fábrica, no casco urbano carballés, e consistirán na dotación e mellora de servizos coma o abastecemento de auga, o saneamento, infraestruturas de enerxía eléctrica, alumeado público e mobiliario urbano. A empresa adxudicataria tamén realizará melloras nos firmes e pavimentos. A estrada contará con dous carrís de 2,85 metros de ancho e 40 centímetros de resgardo a cada lado, ademais de beiravías cun ancho medio de 2,40 metros.
Para a totalidade das melloras teranse en conta criterios de accesibilidade e eliminación de barreiras arquitectónicas, para responder ás necesidades das persoas con mobilidade reducida. Así mesmo, humanizarase a vía conforme aos criterios seguidos polo Concello de Carballo en actuacións similares, que aseguran unha mobilidade urbana sostible e segura. O proxecto elaborado pola Deputación prevé unha duración de seis meses para a execución da obra completa.
Novas relacionadas
Fonte
- Redacción QPC ([email protected])
- Deputación da Coruña