Aloumiños leva ás aulas o Festival IncluSÓN
Por terceiro ano, a Asociación Aloumiños está ultimando os preparativos para o Festival IncluSÓN. Unha cita que serve para celebrar o día Internacional da Diversidade Funcional (3 de decembro), para o que a entidade bergantiñá levará a música e a palabra ás aulas de tres centros de ensino de Carballo.
Será ao longo dos días xoves 29 e venres 30 de novembro cando a entidade leve varias actividades a aulas de tres centros de ensino de Carballo, para rematar ás 18h00 do día 30 de novembro, na Biblioteca Municipal Rego da Balsa.
A compañía de teatro XAROPE TULÚ será quen levará os días 29 e 30 de novembro ás aulas dos CEIP ‘A Cristina’, ‘Gándara-Sofán’ e ‘Netoma-Razo’ e á Biblioteca Municipal ‘Rego da Balsa’, reflexións en forma de contos e música sobre o que significa a inclusión e o importante e enriquecedor que esta é para todas as persoas que formamos as comunidades educativas e a sociedade en xeral.
Para a cita da Biblioteca Municipal Rego da Balsa (día 30 ás 18:00h) é necesario recoller convites na Biblioteca Municipal Rego da Balsa. Distribuiránse a partir do luns 26 de novembro, en horario de apertura de 10.30 a 20.30. As prazas son limitadas e daránse convites por nena/o/s, coa posibilidade de acceso dunha persoa adulta por nena/o.