xoves. 05.03.2026
El tiempo

O alumnado do IES Alfredo Brañas deixa pegada no Club de Debate Alingua

 

IES ALFREDO BRAÑAS no Club de Debate
O alumnado do IES Alfredo Brañas deixa pegada no Club de Debate Alingua

O equipo do IES Alfredo Brañas de Carballo participou na segunda xornada clasificatoria do Club de Debate Alingua 2026, na que acadou o terceiro posto.

En recoñecemento ao seu traballo, os rapaces e rapazas do equipo serán recibidos o vindeiro martes polo alcalde de Carballo, Daniel Pérez, nun encontro institucional no que se poñerá en valor o seu esforzo e implicación nesta iniciativa.

O Club de Debate Alingua reúne nesta edición 37 equipos de alumnado de secundaria e bacharelato procedentes de 13 concellos, que participan nas fases previas do certame entre o 2 e o 6 de marzo co obxectivo de conseguir unha das prazas para a final, que se celebrará o 25 de abril. 

IES ALFREDO BRAÑAS no Club de Debate 2

Unha iniciativa da Asociación Alingua

O Club de Debate Alingua é unha iniciativa da Asociación de Entidades pola Lingua Galega (Alingua) que busca fomentar o uso oral do galego entre a mocidade e crear espazos de socialización na lingua propia. Nesta edición conta co apoio dos concellos de Ames, Arzúa, Betanzos, Carballo, Ferrol, Narón, Pontedeume, Pontevedra, Rois, Santa Comba, Santiago de Compostela, Teo e Vilagarcía de Arousa. 

Na fase previa deste ano, os equipos debaten arredor da afirmación “O estilo de vida actual é nocivo para a saúde mental da xente nova”, e defenden tanto a posición a favor como en contra ante un xurado formado por profesionais de distintos ámbitos. 

Arredor de medio milleiro de persoas —entre alumnado, profesorado, xurado e equipo técnico— participan nas xornadas de debate, que comezaron no Pazo da Cultura de Narón e continúan no Campus Tecnolóxico Cortizo, en Rois. 

Comentarios