sábado. 15.03.2025
El tiempo

Alumnos do EFA Fonteboa coñecen por dentro o Concello de Carballo

Alumnos do EFA Fonteboa coñecen por dentro o Concello de Carballo
Alumnos do EFA Fonteboa no Concello de Carballo

Seguen demostrando que a educación ten que saír das aulas. O Centro de Promoción Rural EFA Fonteboa segue dando exemplos de como formar, e desta volta, levou a un total de 12 alumnos ao Concello de Carballo, para coñecer de primeira man o funcionamento da administración local.

Trátase de rapaces de 12 anos de 1º de ESO do centro de ensino do municipio veciño, que estiveron acompañados de tres docentes co obxectivo de coñecer datos básicos do municipio carballés e a organización cotiá da xestión municipal.

Durante a visita, tiveron a oportunidade de reunirse co Alcalde, Evencio Ferrero, no salón de plenos da casa consistorial, e alí puideron satisfacer a súa curiosidade con numerosas preguntas. Moitas delas xiraron arredor do oficio de Alcalde, querendo saber que supón o traballo diario, canta formación se precisa para ser rexedor ou se Evencio Ferrero tivo o apoio dos seus á hora de asumir o cargo. Tamén se falou do financiamento municipal, cos impostos en primeiro plano, así como cos gastos.

Moitos amosaron o seu asombro ao saber que o gasto enerxético anual en electricidade do Concello chega a preto dun millón de euros. Ao tratarse dun centro de promoción rural, tampouco faltaron as preguntas sobre a feira de Carballo, lugar onde moitos agricultores dan saída aos seus produtos. Despois da xuntanza co Alcalde, os alumnos tiveron a oportunidade de percorrer as dependencias municipais, e de falar con outros concelleiros, como Luís Lamas, responsable de Obras e Servizos, que puido ensinarlles as claves da reutilización e a reciclaxe.

Alumnos do EFA Fonteboa no Concello de Carballo

Máis información

Novas relacionadas

Fonte

Comentarios