Mércores. 11.09.2024
El tiempo

Ardaña terá un centro social antes de que remate o ano

Ardaña terá un centro social antes de que remate o ano
centro-social-ardana Membros do concello, técnicos e representantes da empresa constructora fixeron onte o replanteo do terreo Xa está todo listo para o comezo das obras de construcción do centro social que se ubicará na parcela adquirida a medias entre o concello de Carballo e a parroquia de Ardaña. O alcalde, Evencio Ferrero, os concelleiros Luis Lamas e Marcos Trigo, técnicos e representantes da empresa construtora realizaron as comprobacións sobre o terreo, nunha visita á que se sumaron tamén membros do movemento asociativo e posteriormente asinaron a acta na casa consistorial. As máquinas chegarán á parcela a vindeira semana. O edificio terá 417,09 metros cadrados (368,31 útiles) distribuídos entre o soto (destinado a almacén e instalacións) e a planta baixa. Atendendo ás necesidades do movemento asociativo, o andar principal disporá dunha sala multiusos de 116,12 metros cadrados, un salón social, un aula, vestíbulo, 4 aseos, almacén e un soportal de 68,21 metros cadrados. O centro social de Ardaña, deseñado polo arquitecto carballés Fernando Añón, terá dous volumes claramente diferenciables, con distintas alturas e cores: o máis alto e claro será o formado polo acceso e o salón de actos, e no máis baixo e escuro estarán as estancias de menor tamaño. Máis de 300.000 euros A construción do edificio será financiada integramente polo concello de Carballo cun investimento de 311.333 euros. A maiores, a empresa adxudicataria da obra, construcciones López Cao, asumirá sen custe adicional para as arcas municipais o mobiliario e o equipamento do edificio, a instalación dunha tarima de escenario no salón de actos e dun tabique móbil que permitirá flexibilizar o uso do salón principal, e a urbanización dunha superficie duns 900 metros cadrados. Todas estas melloras están valoradas en 90.000 euros. A intención da empresa é que o centro social estea rematado este mesmo ano. A petición da asociación Amigos de Ardaña, durante a celebración das festas articularanse as medidas precisas para que as obras causen as mínimas molestias posibles. Malia a envergadura do edificio, aínda quedará moita finca tanto para as celebracións coma para outro tipo de usos, xa que a parcela ten un total de 2.556 metros cadrados. Novas relacionadas Fonte

Comentarios