Arrinca o proceso de expropiación dos 134 predios afectados pola ampliación do polígono de Bértoa
Como aconteceu esta pasada semana no da Laracha, o Diario Oficial de Galicia (DOG) tamén publicou a resolución da Dirección Xeral de Estratexia Industrial e Solo Empresarial da Consellería de Economía e Industria pola que se aproba inicialmente e se somete a información pública o proxecto de expropiación forzosa dos terreos que se precisan ocupar para a ampliación do Parque Empresarial de Bértoa Fase II, no municipio coruñés de Carballo, e que incrementará a superficie total en 629.587 metros cadrados, un 51% mais da capacidade actual.
En conxunto, o proxecto de expropiación afecta a 134 predios que suman unha superficie de 473.478 m2, da que o 99,3% corresponden a terreos rurais e o 0,7% restante é solo urbanizado. O valor total estimado da adquisición do terreos ascende a 1.966.555 euros.
Coa publicación no DOG, o proxecto de expropiación forzosa permanecerá en exposición pública durante o prazo dun mes para que aquelas persoas que poidan resultar interesadas formulen as observacións e reclamacións que estimen pertinentes, sobre todo, no que atinxe á titularidade dos predios, bens ou valoración dos seus respectivos dereitos.
O expediente poderá consultarse no Concello de Carballo, nas oficinas da Consellería de Economía e Industria e na súa páxina web (https://economia.xunta.gal) e, de xeito complementario, a Dirección Xeral de Estratexia Industrial e Solo Empresarial notificará individualmente a cada afectado as valoracións realizadas.


