Sábado. 15.08.2020
El tiempo

A arte urbana non sucumbe ao Covid: O Rexenera Fest enche de cores o verán carballés

A arte urbana non sucumbe ao Covid: O Rexenera Fest enche de cores o verán carballés

Unha das poucas boas novas culturais que nos deixa este verán vén en clave de arte urbana. O festival internacional de arte pública Rexenera Festi si poderá celebrar a súa sexta edición. Será entre o xoves 16 e o domingo 26 de xullo de 2020 (adoita ser en maio), e serán cinco artistas convidados que encherán de cores os muros carballeses coas súas brochas, sprays e pinceis.

Esta proposta municipal de humanizar as súas rúas e convertir unha vila historicamente fea, nun museo a ceo aberto.

Ademais, tamén se celebrarán algunhas actividades paralelas como visitas guiadas -para grupos moi reducidos en aras da seguridade- para ver a evolución dos murais día a día; directos en Instagram que permitirán falar cos artistas da súa obra; ou xogos para cativos e cativas e tamén para adultos que servirán para coñecer mellor a arte urbana e as xa máis de 75 obras de Carballo dunha forma lúdica.

Os artistas e as localizacións

Mapa do Rexenera Fest Carballo 2020

Xoana Almar (Galicia) na Rúa Salgueiro, 5

Xoana formouse como ilustradora, economista e antropóloga. Estudou en Granada e é alí onde comeza a traballar no eido da pintura a partir do 2008. No 2013 volve a Galicia e constitúe xunto a Miguel Peralta e Raquel Doallo a cooperativa Cestola na Cachola, onde traballa como muralista, pintora e ilustradora. No seu traballo hai influencias de artistas clásicos/as da pintura galega e doutros actuais, especialmente relacionados co mundo da ilustración e o muralismo. A través das súas personaxes, maioritariamente femininas, sobresae unha busca de formas sinxelas coas que tenta expresar unha personalidade ou historia de vida. 

Sabek (Madrid) na Rúa Bos Aires, 23

Sabek comeza a súa andaina intervindo nas rúas e recunchos abandonados dos arredores de Madrid, onde desenvolve o seu particular estilo nos primeiros anos 2000. Co paso do tempo evoluciona cara a creación de obras máis figurativas e comeza a experimentar con diferentes técnicas ademais do seu traballo nas rúas. O seu estilo recoñécese pola representación das formas e cores que aluden á orixe natural, especialmente a través daqueles animais nobres e poderosos que infunden unha forte sensación de respecto. A súa obra propón unha reflexión ao redor do ser humano e a súa relación coa natureza, a representación animal amosa a alegoría entre o equilibro natural e as enerxías nela implícitas mediante formas minimalistas vexetais e humanas.  O seu traballo pódese atopar en galerías de España, Francia ou Estados Unidos, así como en monumentais muros ao redor do mundo (EE.UU., Francia, España, Malaisia, Rusia ou Nova Zelandia). 

Elisa Capdevila (Cataluña) na Rúa Venezuela, 24

 

A súa carreira artística comezou en 2014 estudando pintura e debuxo na escola tradicional de Barcelona. Nesa época pinta os seus primeiros murais, ao comezo como un simple exercicio onde o lenzo foi substituído por unha parede, pero co tempo dáse conta das posibilidades da arte urbana e decide enfocar o seu traballo a proxectos a unha meirande escala. Dende 2017 traballa activamente en festivais de arte urbana e desenvolvendo grandes murais tanto a nivel nacional como internacional, sen deixar de lado o traballo de estudo en lenzo.

Reskate Studio (Cataluña e Euskadi) na Rúa Santa Ana, 10

Reskate é un colectivo artístico formado por María López e Javier de Riba, artistas visuais de Donostia e Barcelona respectivamente. O seu taller e estudo está situado no barrio de Sants de Barcelona. Influenciados pola pintura clásica de letreiros, a cultura popular e polo deseño gráfico, o seu traballo inclúe murais, ilustracións, exposicións e instalacións. Nos seus murais presentan obras que conectan co espazo que os rodea, representando historias e feitos da cultura local.

Sokram (Galicia) na Avenida da Milagrosa, 71

Sokram é un creativo multidisciplinar; ilustración, muralismo e tamén a música centran a súa principal actividade, ademais da faceta como curador e organizador de varios festivais de arte urbana dende Mutante Creativo. Algúns exemplos son DesOrdes Creativas ou o propio Rexenera Fest. O seu traballo no espazo público varía en canto a mensaxe, contido e forma segundo o emprazamento, sempre coa intención de xogar co entorno no que se sitúa a peza, aproveitando as formas da propia parede, obxecto ou edificio para realzar a composición final. O seu traballo visual posúe un forte compoñente social, crítico ou sarcástico. Nos seus discursos destaca o gusto pola ironía e os dobres sentidos no tratamento dos temas escollidos. O seu particular estilo bebe do graffiti, do cómic underground americano, da ilustración Lowbro contemporánea e do deseño gráfico, mesturando unha liña firme e contundente con volume e elementos vectoriais que se sustentan baixo unha ampla gama cromática e rica en matices. 

 

Actividades paralelas

Cómpre inscrición previa. Máis información en [email protected] ou no 981 702 077.

XOGO DE PESCUDAS PARA FAMILIAS: de balde con inscrición previa

A través deste xogo, adultos e pequenos compartirán momentos de diversión á vez que coñecen máis da arte urbana de Carballo e ven a localidade con outros ollos. A cita será do 16 ao 26 de xullo e a recollida de pistas no Museo de Bergantiños (Rúa Martín Herrera, 8).

BUSCANDO OURO: de balde con inscrición previa

Con este xogo de pistas, a modo dunha peculiar busca do tesouro, os/as participantes terán que mergullarse de cheo na arte urbana esparexida polas rúas de carballo, resolver as pescudas que se lle vaian dando e descifrar as incógnitas inxeridas nos propios murais para poder chegar á meta e atopar o ansiado ouro.
A data será o 24 de xullo de 19.00 a 21.00 h. recollida da primeira pista no Museo de Bergantiños (Rúa Martín Herrera, 8).

VISITAS GUIADAS: de balde con inscrición previa

Durante a celebración do festival está previsto o desenvolvemento de visitas guiadas para que as persoas interesadas poidan ir vendo a evolución dos murais mentres os artistas os están pintando. Do 16 ao 26 de xullo, de 11.00 a 12.00 h. pola mañá; de 20.00 a 21.00 h. pola tarde, para grupos dun máximo de 10 persoas.

Conversa cos artistas

O festival ofrecerá a posibilidade de ver conversas cos artistas convidados. Farase a través de directos en Instagram

 

Novas relacionadas

comentarios