As bicis e o pedibús protagonistas no último día da Semana da Mobilidade de Carballo
Completouse unha intensa Semana da Mobilidade en Carballo con diferentes actividades. Rutas, xogos nas rúas, campaña de accesibilidade… E onte, para rematar a serie de actividades, as bicis e os pequenos foron protagonistas.
Foron os propios alumn@s do CEIP Fogar os que, armados con sprais e unha “plantilla” do Camiño Escola, sinalizaron as rutas do pedibús. Un pedibús (esa ruta na que os cativos se van recollendo polas rúas para ir xuntos andando ao cole) que aínda non puido empezar a funcionar pero si que en breve se retomará.
Aparcabicis
Instalando aparcabicis
Outra acción foi a instalación de oito novos aparcabicis. 4 deles situaranse en zonas escolares, nos CEIP A Cristina, Bergantiños (2) e preto do San Luís Romero, pero tamén na entrada do Mercado Municipal dende a Praza do Concello (na imaxe), e nas rúas Concepción Arenal, Barcelona e Fomento.
Nestes momentos contamos en Carballo con máis de 40 aparcabicis, na súa maioría no exterior de edificios públicos, e no marco proxecto Cicl-Ando, que ten en licitación xa varias das actuacións previstas, tamén se inclúe a creación dunha rede de aparcamentos seguros para bicicletas.
Cidades que Camiñan, en Carballo
En clave de sostibilidade, onte tamén Carballo recibiu a visita da secretaria técnica da Rede de Cidades que Camiñan. A vila bergantiñá recibía o Premio Cidades que Camiñan 2018 na categoría de concellos de 20.000 a 100.000 habitantes, e este 2021 está formulado que acolla o Congreso anual.
Os técnicos municipais recibiron a Ana Montalbán e a acompañaron ata o Fórum Carballo para coñecer as instalacións do edificio que podería albergar o congreso e as obras de accesibilidade que veñen de rematar na súa contorna.
Novas relacionadas
- Íntegro axuda a avaliar a accesibilidade de Carballo.
- Carballo celebrando a Semana da Mobilidade.
- “Cicl-Ando”: 18 quilómetros de sendas para seguir facendo de Carballo un modelo de mobilidade sostible.
- O Pedibús, o “autobús especial” sen rodas, nin fumes, nin problemas de aparcamento que leva ás nen@s ao cole.
- Carballo, entre as 10 cidades europeas de menos de 100.000 habitantes con mellores prácticas ambientais.
- Carballo, un “referente” de transformación urbana para cidades intermedias.
- Carballo camiña en clave de premio.