Botou o peche, coa entrega de premios, o Carballo Interplay, a gran festa do talento dixital
O Carballo Interplay despediu este domingo a súa 13ª edición tras 4 días convertindo Bergantiños na capital da creación dixital. Un festival asentado, que sabe adaptarse a estes tempos de evolución vertixinosa, que este ano se apoio no impulso do podcast para os seus eventos máis multitudinarios, como os vividos con "Rajando con… Bimboficadas" de Samantha Hudson e María Barrier, ou Pop y Muerte de Kiko Amat e Benja Villegas. Dúas citas que encheron ata a bandeira o fantástico auditorio do primeiro andar do Mercado de Abastos.
O podcast completa un menú conformado pola formación ao máximo nivel nas palestas da ZonaPRO, e sobre todo por dous fío condutores dende a primeira edición: as webseries a a aposta pola creación dixital en galego.
Entrega de premios de webseries
A xornada dominical deu a coñecer o palmarés da súa competición internacional de series de formato curto e tamén os proxectos recoñecidos nos certames dedicados á creación de contido dixital en galego.
No apartado internacional, o Premio á Mellor Serie, dotado con 800 euros e trofeo, foi para T-REX (Canadá, 2024), un retrato íntimo de tres amigos de infancia que, durante unha fin de semana nunha cabana, afrontan os seus propios conflitos coa masculinidade.
Pola súa parte, o Premio á Mellor Dirección, dotado con 200 euros e trofeo, recaeu en Ruby (Francia, 2025), unha serie queer de superheroínas que segue a unha moza en plena deriva vital tras unha ruptura e a súa inesperada conversión en icona viral.
O Premio do Público, dotado con 400 euros e trofeo, foi para The Struggle for Existence - S2 (Dinamarca, 2025), unha comedia sobre dous amigos que encaran con humor os desafíos da masculinidade contemporánea.
Mentres, o Premio Xurado Novo, tamén dotado con 400 euros e trofeo, distinguiu Eyes In The Woods (Canadá, 2025), un misterio paranormal queer ambientado nun bosque no que se entrecruzan segredos, gardas forestais e a atracción polo descoñecido.
Recoñecemento ao talento dixital en galego
No marco dos premios dedicados ao contido dixital en galego, o festival volveu visibilizar a vitalidade, a personalidade e a diversidade dos proxectos que se desenvolven actualmente nas plataformas dixitais en lingua propia. O Premio á Mellor Canle, dotado con 600 euros, foi para Miradenovo, “por conectar con todo tipo de público, amosarnos as posibles futuras vidas das cousas, a visión á hora de crear unha canle con este contido tan específico en galego e facer que todas queiramos ter as casas máis trendy”.
O Premio á Mellor Creadora ou Creador, tamén dotado con 600 euros, foi para @Antontisimo, “por ser o carisma personificado, atraparnos desde o primeiro segundo e apostar por un internet sen artificios onde o importante é o contido. Para que nos siga dando a chapa moitos anos máis sobre as cousas que lle gustan”.
O xurado destes galardóns estivo composto por Sara Seco, Andrea Villa Feijóo e Adrián Pérez -autor do perfil @Salseologia-.
Impulso á produción de novos proxectos
Ademais, o Premio á Produción de Contido Dixital en Galego, dotado con 3000 euros, foi para o proxecto Crossbooking Castelao, unha proposta de microdrama basado na obra de Castelao. Con este recoñecemento, o festival mantén unha das súas liñas de apoio á creación dixital en galego, favorecendo o desenvolvemento de novas propostas pensadas para o ámbito en liña.
O xurado encargado de seleccionar este premio estivo integrado por Román Varela, Maite Parga e Sandra Lesta.







