mércores. 08.04.2026
El tiempo

32 actividades arredor da cultura dixital contemporánea enchen o programa do Carballo Interplay

Presentacion Carballo Interplay 2026-Foto.Andrea Morandeira 2
Jacobo Sutil, director da Axencia Galega das Industrias Culturais; Sonia Méndez, unha das directoras, Xosé Regueira, concelleiro de Promoción Económica e Turismo de Carballo; Daniel Pérez López, alcalde de Carballo e Andrea Villa, a outra directora, na presentación. Foto: Andrea Morandeira
32 actividades arredor da cultura dixital contemporánea enchen o programa do Carballo Interplay

O Carballo Interplay presentou onte, nunha rolda de prensa no Museo de Bergantiños. os contidos da súa XIII edición, que se celebrará do 16 ao 19 de abril no Mercado de Carballo. Un total de 32 actividades arredor da cultura dixital contemporánea conforman un programa que volverá convertir a Carballo nun espazo de referencia a nivel estatal, no que o talento dixital galego na rede volverá ser protagonista.

Ao longo destes catro días, Carballo converterase ademais no punto de encontro dalgunhas das voces galegas máis recoñecibles do ecosistema dixital, como Raquel Piñeiro, Marina G. Canedo, Zeltia e Lúa Mosquera, Salseología ou Autoenfoque.

Toda a programación, cos horarios completos e posibles actualizacións, pode consultarse na páxina web oficial do festival.

Entretemento, reflexión e comunidade en galego

Un dos grandes sinais de identidade desta edición é tamén o lugar central do galego, presente tanto nas actividades de conversa e análise como nos certames dedicados á creación e á produción de contido dixital. A xornada do xoves 16, centrada especialmente na creación na rede en galego, reunirá ademais máis de 350 alumnas e alumnos de institutos galegos, que asistirán á conversa Sobrevivir en galego nas redes sociais, con Prado Rúa e Konachadas, e ao obradoiro Radicalmente online – Activismo en redes sociais, impartido por Marina G. Canedo.

Presentacion Carballo Interplay 2026-Foto.Andrea Morandeira
Foto: Andrea Morandeira

Sección Oficial internacional e dúas estreas destacadas

A Sección Oficial volverá ser un dos piares do festival cun total de 19 series, das que 17 son internacionais e proceden de 10 países, reforzando o perfil do
Carballo Interplay como escaparate privilexiado para novas voces e novas narrativas do audiovisual dixital. A selección ofrece unha mostra diversa en tons,
estilos e temáticas, con títulos chegados de Reino Unido, Australia, Canadá, República Checa, Suíza, Francia, Dinamarca, Estados Unidos, Irán, Romanía,
Eslovenia e España.

A esta competición súmanse dúas presentacións especiais. Por unha banda, a preestrea en Galicia de Millennial Mal, creada e dirixida por Lorena Iglesias, que chegará a Carballo tras o seu paso polo Festival de Málaga e será presentada pola propia autora.

Por outra, Epidemia Invisible, proxecto gañador da pasada edición do Premio á Produción de Contido Dixital en Galego, unha serie documental creada por Román Varela arredor da experiencia da saúde mental en primeira persoa. A programación audiovisual complétase coa proxección infantil da serie galega de animación PIPO na Biblioteca Rego da Balsa.


Directos, podcast e formatos nacidos en internet

Outra das liñas fortes do programa será a dos shows e podcast en directo, que reforzan esa capacidade do festival para levar ao escenario linguaxes, voces e formatos propios do ecosistema dixital. Nesta edición poderán verse por primeira vez en Galicia propostas como Rajando con… Bimboficadas, con Samantha Hudson e María Barrier; Pop y Muerte, con Kiko Amat e Benja Villegas; e Sexo en Nueva York Podcast, con Raquel Piñeiro e Patricia Blanco.

A esta programación súmanse ademais dúas actividades creadas en exclusiva para o festival: I’LL SEE YOU IN MY DREAMS. TWIN PEAKS, con Estela Ortiz e Juan Evaristo Valls Boix, e PLOT TWINS. Duplicadas por guion, con Lúa e Zeltia Mosquera. A acollida desta liña de programación volveu quedar patente coa resposta do público ás entradas de Rajando con… Bimboficadas, esgotadas en cuestión de minutos.

Creación galega, pensamento crítico e Zona PRO

O galego volverá ocupar un lugar estrutural no festival, non como elemento accesorio, senón como parte central da súa identidade. Entre os contidos desta
edición figuran a conversa Sobrevivir en galego nas redes sociais, con Prado Rúa e Konachadas, e a presentación do número 5 da revista Clara Corbelhe, arredor do artigo “Scroll, lingua, nación: a galeguidade política nas redes na era TikTok”, coa participación de Malva F. R. e Élia Lago.

Na Zona PRO, o festival afondará no seu perfil de espazo de análise e aprendizaxe cun programa de faladoiros sobre cuestións de plena actualidade, como o impacto da intelixencia artificial nos medios dixitais, o momento actual do podcast en España e a aparición de novas voces informativas nun ecosistema condicionado polos algoritmos. Participarán nestes encontros perfís e proxectos como Maldita.es, Ana Alonso, Óscar Piera, Javier Hernández, Trescentostrece, Salseología, Literal247 e Woke up!

Paneis sobre divulgación e memoria de internet

A programación do sábado completarase con dous paneis centrados nas formas de comunicar e relacionarse hoxe na rede. En Scroll, scroll, STOP. As novas
regras da divulgación, Kenya Stéphanie, Helio Roque, Autoenfoque e Pablo Lluc reflexionarán sobre como divulgar información especializada nun contexto de saturación e déficit de atención. Pola súa banda, Internet chiquito, con Ainhoa Marzol e Carmen Pacheco, proporá un percorrido polas transformacións de
internet e das redes desde as primeiras comunidades dixitais ata a actualidade.

Premios, novos proxectos e peche musical

Coma sempre, o fío condutor serán as series, e os premios teñen un especial fincapé na creación galega, como o ratifica o Premio á Produción de Contido Dixital en Galego está dotado con 3.000 euros para o desenvolvemento do proxecto gañador, mentres que os Premios de Creación Dixital en Galego distinguen a mellor canle e a mellor creadora ou creador con 600 euros en cada categoría. Os certames consolídanse ademais cun récord de participación nos apartados de Mellor Creador/a e Mellor Canle: presentáronse 35 proxectos, e os finalistas daranse a coñecer esta semana.

A entrega de premios celebrarase o domingo 19 de abril con Lorena Iglesias como presentadora. Ao remate, o festival despedirase cunha sesión vermú con Monkey Mambo en A Xamonería. A programación musical incluirá tamén o concerto de Pantis, que presentará memoria nova no peche do sábado.

ENTREGA-DE-PREMIOS Carballo Interplay-Lorena Iglesias

Máis novas do Interplay

 

REPASO HISTÓRICO DO CARBALLO INTERPLAY

Comentarios