Xoves. 25.04.2024
El tiempo

A campaña de prevención da lesión medular de Íntegro visitou as aulas do IES Alfredo Brañas

Lesions medulares en IES
A campaña de prevención da lesión medular de Íntegro visitou as aulas do IES Alfredo Brañas

Escoitar de primeira man o que significa unha lesión medular é unha aprendizaxe que non ten parangón. De aí a importancia de campañas como a que ten en marcha a Asociación Íntegro, que leva as súas charlas aos centros de ensino da comarca.

A última sesión da campaña de prevención da lesión medular chegou esta semana ao IES Alfredo Brañas de Carballo. O alumnado de 4º da ESO recibiu durante dous días a responsables da entidade que deron a coñecer as causas e consecuencias dos accidentes medulares ao tempo que concienciaron aos máis novos sobre a importancia de evitar situacións de risco, especialmente en estradas, praias e piscinas, por ser os principais focos de sinistralidade entre a mocidade.

Tania Bartucca, que acudiu acompañada de José Manuel, un voluntario do programa que non dubidou en expoñer o seu caso como exemplo de forza e superación, e Noé, un usuario da entidade que asistiu ás charlas programadas para o segundo día, foron os que trasladaron a mensaxe de “A ti tamén che pode pasar”, como o vídeo que sempre proxectan.

A campaña de prevención da lesión medular, incluída na programación conmemorativa do 30 aniversario de Íntegro, xa leva percorrido neste 2022 varios concellos da Costa Morte. Entre os máis recentes, destacan as visitas a varios centros educativos de Laxe, Coristanco e o CIP de Zas. Así mesmo, as charlas no Concello de Carballo continuarán nas vindeiras semanas para achegar a campaña ao alumnado do IES Monte Neme e o IES Isidro Parga Pondal.

Os centros educativos que estean interesados en adherirse a esta campaña ou a calquera dos programas de sensibilización postos en marcha pola entidade, non teñen máis que poñerse en contacto co centro enviando un correo electrónico a [email protected] ou nos teléfonos 981 734 985 e 650 961 649.

Comentarios