Martes. 26.03.2019
El tiempo

EMPREGO

Carballo acollerá unha nova Lanzadeira de Emprego para [email protected]

As prazas estarán destinadas a homes e mulleres en situación de desemprego, con idades comprendidas entre os 18 e os 60 anos. Os interesados en participar poden inscribirse na oficina do Servizo Público de Emprego da capital de Bergantiños antes do 6 de marzo.

Participantes na primeira Lanzadeira de Emprego
Participantes na primeira Lanzadeira de Emprego
Carballo acollerá unha nova Lanzadeira de Emprego para [email protected]

A II Lanzadeira de Emprego de Carballo comezará a funcionar en marzo e terá 20 prazas, destinadas a homes e mulleres en situación de desemprego con idades comprendidas entre os 18 e os 60 anos. Poderán participar persoas con calquera nivel formativo (sen estudos, Graduado Escolar, ESO, Formación Profesional, Bacharelato ou estudos universitarios), e procedentes de calquera sector laboral, con ou sen experiencia previa. Con iso perséguese configurar un equipo o máis variado e heteroxéneo posible para que entre os seus integrantes non exista competencia á hora de buscar traballo, senón que compartan coñecementos e experiencias, e aposten por unha cultura colaborativa para impulsar o seu acceso ao mercado laboral.

As 20 persoas que resulten seleccionadas reuniranse varios días á semana en locais cedidos gratuitamente polo Concello de Carballo. Coa guía e orientación dun técnico especializado da Fundación Santa María a Real levarán a cabo diversas actividades para optimizar a súa procura de traballo: talleres de autocoñecemento e intelixencia emocional para aprender a facer un plan de procura de traballo e enfocar o seu obxectivo; actualización e modernización de currículos; simulacións de entrevistas de traballo e procesos de selección grupal. Ademais, aprenderán novas técnicas de comunicación, márketing e marca persoal; elaborarán un mapa de empregabilidade, realizarán visitas a empresas e organizarán encontros con recrutadores e expertos para lograr a súa inserción laboral.

A lanzadeira non é unha axencia de colocación onde se dá traballo aos participantes. É un programa intensivo para orientar a persoas desempregadas a activar e optimizar a súa procura de traballo no mercado actual, con novas técnicas que lles permiten gañar confianza e seguridade nas entrevistas, e con novas actividades que lles achegan ao tecido empresarial. Con este esquema funcionaron máis de 500 lanzadeiras de emprego por todo o país, con máis de 11.000 participantes, dos que o 60% modificaron e melloraron a súa situación laboral.

Inscricións

As persoas interesadas en participar no programa, de carácter gratuíto e voluntario, dispoñen ata o 6 de marzo para inscribirse, solicitando, enchendo e entregando o correspondente formulario de inscrición na Oficina do Servizo Público de Emprego, situado na planta baixa do edificio administrativo do Fórum Carballo, en horario de 9 a 14 horas. Tamén poderán solicitar información adicional no teléfono 881 960 441.

Comentarios