Carballo adxudica por máis de 333.000 euros as obras de mellora de seis locais sociais
08:01 26/09/17
Reformaranse os locais sociais situados en Artes, Rus (imaxe), Entrecruces, Outón e Oza ademais da escola unitaria de Sísamo
A Xunta de Goberno Local de Carballo aprobou onte a adxudicación das obras de reforma de seis locais sociais en cinco parroquias por un total de 333.721,98 €. Por unha banda, Fonsan Gestión y Construcción SL executará os traballos de acondicionamento dos locais de Artes, Rus, Entrecruces e Outón, todo ilo cun orzamento de 275.889,95 € (IVE incluído), mentres que IAM Rumbo Instalaciones y Obras SL acometerá os labores de ampliación do centro social de Oza e de edificación dun almacén acaroado á escola unitaria de Sísamo por 57.832,03 €.
As obras, que no primeiro caso teñen un prazo de execución de cinco meses e no segundo de tres, atenderán as peticións realizadas polo movemento asociativo de cada unha das parroquias para acondicionar e mellorar a funcionalidade dos centro sociais.
Tamén saíu adiante na sesión de onte a adxudicación dos traballos de redacción do Plan Especial de Protección, Infraestruturas e Dotacións en Arnados-Razo, dos que se encargará o estudo coruñés Abadeus Arquitectura SLP por 96.799,94 euros (IVE incluído). O prazo máximo de prestación do servizo será de 25 meses a partir da sinatura do contrato.
Rede viaria
A Xunta de Goberno Local tamén aprobou o inicio dos expedientes de contratación de tres obras de mellora da rede viaria, tanto no casco urbano como na zona rural, por un total de 554.134,01 euros. Eses novos proxectos son a segunda fase da reurbanización da contorna do CEIP Xesús San Luís Romero, incluída no Plan Único de Concellos da Deputación da Coruña cun orzamento de 245.182,63 euros; a reparación das vías secundarias das parroquias de Berdillo e Ardaña, por 200.969,88 euros, e a reparación de varias rúas do casco urbano, por 107.981,50 euros. Estas dúas últimas actuacións serán financiadas con fondos municipais, ao igual que as melloras nos centros sociais.
Na sesión de onte aprobaronse tamén outros asuntos: a baixa dun vao na rúa Manuel María, dúas solicitudes de taxistas para cambio de vehículos, licenzas de obras e unha proposta de imposición de penalidades por cumprimento defectuoso de contrato.
Novas relacionadas
- Así quedarán as rúas Río e Montevideo de Carballo tralas obras de remodelación
- Carballo renova os centros sociais parroquiais cunha inversión de 800.000 euros
- O Barrio das Flores de Carballo renova a súa imaxe.
- As obras da contorna do CEIP Xesús San Luís Romero carballés avanzan mentres se licitan as obras do pavillón.
Fonte
- Redacción QPC ([email protected])
- Concello de Carballo