Carballo aproba os orzamentos do 2016
07:10 19/01/16
A corporación aprobou nun pleno extraordinario un orzamento de máis de 24 millóns de euros
Este ano o concello de Carballo non quixo aprobar os seus orzamentos fóra de prazo polo que a corporación carballesa vén de celebrar un pleno extraordinario da corporación no que o único punto da orde do día foi a resolución de alegacións e a aprobación definitiva do presuposto xeral para o exercicio 2016.
Así, un funcionario municipal pertencente ao corpo da Policía Local presentou unha alegación por non figurar nos orzamentos a praza de Inspector principal. Todos os grupos políticos manifestaron durante as súas intervencións o seu acordo en que a alegación debe ser desestimada, xa que, segundo o informe de Secretaría e Intervención non se axusta a ningún dos supostos polos que uns orzamentos poden ser impugnados. Porén, os grupos da oposición reiteraron o seu desacordo co contido dos presupostos, polo que as contas recibiron a súa aprobación definitiva cos once votos a favor do grupo de goberno, a abstención do grupo municipal do PP e os votos en contra de PSOE e TEGA.
O alcalde, Evencio Ferrero, reiterou durante a sesión, de apenas un cuarto de hora de duración, que o obxectivo da celebración deste pleno é o de que o orzamento entre en vigor o antes posible, polo que se decidiuse convocalo á maior celeridade unha vez realizados os informes por parte dos técnicos municipais respecto da alegación presentada. O goberno carballés presenta un presuposto para 2016 que reflicte un importe total que equipara os ingresos e gastos en 24.409.648,78 euros, cuns investimentos reais que supoñen un 22 por cento do total e ascenden a 5.382.716,25 euros.
Novas relacionadas
- Carballo presentou os orzamentos 2016
- Carballo aproba o PXOM tras once anos de tramitación.
- Domingo Guerra: Chegou o momento dos Orzamentos Municipais.
- Redacción QPC ([email protected])
- Concello de Carballo