Venres. 20.09.2019
El tiempo

Carballo coordina a loita contra a violencia de xénero

A comarca de Bergantiños ten 57 casos activos

María Debén, a coordinadora de Igualdade da Delegacion do Goberno en Galicia na xornada carballesa
María Debén, a coordinadora de Igualdade da Delegacion do Goberno en Galicia na xornada carballesa
Carballo coordina a loita contra a violencia de xénero

O pasado venres, o Forum Carballo acollía a I Xornada técnica sobre violencia de xénero Carballo enRede. Unha cita adicada a profesionais, organizada polo Centro de Información á Muller, para fomentar e favorecer a coordinación entre os/as profesionais que traballan dende distintos ámbitos contra a violencia de xénero. Un xeito de “introducir a perspectiva de xénero” na estratexia de resposta á violencia machista.

Foron unhas 60 persoas, a meirande parte profesionais (Garda Civís, Policía Locais, técnicos municipais…) os que acodiron a esta sesión transversal, que contou coas charlas de Juan José López Ossorio, xefe de área do gabinete de coordinación e estudos da Secretaría de Estado de Interior, ou Kavid Kaplun, membro da Asociación de Hombres por la Igualdad de Género (AHIGE).

Profesionais na charla sobre Violencia de Xenero en rede en Carballo

Ao acto acodiu ademais de Nieves Castañón, directora do CIM, e o alcalde Evencio Ferrero, a coordinadora de Igualdade da Delegación do Goberno en Galicia, María Debén. Foi Debén a que puxo sobre a mesa cifras contundentes que dan conta da situación real que vive o país, se ben deixou claro que dos 57 casos activos de violenxia de xénero que hai nos sete municipios de Bergantiños ningún é un caso de risco extremo nin de risco alto.

É Carballo o municipio que máis acumula (37), seguido por Ponteceso (5), A Laracha (4), Laxe (4), Malpica de Bergantiños (4), Coristanco (2) e Cabana de Bergantiños (1).

A nivel galego son 3.483 os casos activos, e son xa 1.000 as mulleres asasinadas en todo o estado dende que comezaron os rexistros hai 13 anos.

Así mesmo o TSXG asegura que os xulgados galegos recibiron no primeiro trimestre do ano 1.736 denuncias por violencia de xénero, un 38,4 % máis que no mesmo período do ano pasado, cando se presentaron 1.254. A gran maioría das denuncias (1.390) chegaron aos xulgados a través de atestados policiais con denuncia da vítima. Sube tamén o número de mulleres que aparecen como vítimas, de 1.354 nos tres primeiros meses do ano pasado, ás 1.520 deste, o que supón un aumento do 13 %.

O 82,32 % das persoas axuizadas en Galicia por delitos relacionados con violencia de xénero entre o 1 de xaneiro e o 31 de marzo deste ano foron condenadas. Este dato sitúa á comunidade por debaixo da media estatal, que é do 86,07 %.

Castañón tamén puxo cifras económicas, valorando o custo da violencia de xénero para a sociedade de ata 8.500 millóns de euros ao ano en España. A Unión Europea estima nun 0,8 por cento do Produto Interior Bruto o custo da violencia de xénero en cada estado do continente, como promedio.

Só en materia penitenciaria, en 2016 había 3.995 recluídos por violencia machista, o que supón un 7,83 por cento do total. Os custos penitenciarios por esta materia foron superiores aos 113 millóns de euros.

Novas relacionadas

Comentarios