Carballo destina 8000 euros a financiar as actividades de conciliación das familias
08:07 17/06/16
As familias recibirán un máximo de cen euros para afrontar os gastos derivados de conciliar a vida laboral e familiar durante o verán
O concello de Carballo vén de abrir o prazo para solicitar as "Axudas ás familias para as actividades de conciliación no verán do concello de Carballo", que poderán destinarse ao financiamento de campamentos de verán que teñan lugar dentro do municipio nos próximos meses. O obxectivo desta liña de axudas é o de contribuír a que as familias cunhas condicións socioeconómicas máis desfavorables podan afrontar os gastos derivados da necesidade de conciliar a súa vida laboral e familiar.
Para ser beneficiario destas axudas será requisito indispensable estar empadroado e ser fillo ou filla de nais e pais empadroados no termo municipal de Carballo, con veciñanza no municipio, e convivir co beneficiario ou beneficiaria. O crédito total destinado á concesión de axudas ás familias para as actividades de conciliación no verán no concello de Carballo no ano 2016 ascende a 8000 euros.
Requisitos
As nais e pais poderán escoller de entre os campamentos de verán que ofrecen distintas entidades no termo municipal que consideren convintes para enviar aos seus nenos e nenas. Logo presentarán a factura co importe dos gastos no departamento de Servizos Sociais e poderán recibir, segundo o baremo detallado nas bases, ata un máximo de 100 euros.
As solicitudes para tomar parte nesta convocatoria deberán presentarse no Rexistro Xeral do concello de Carballo no prazo de 15 días naturais, contados dende o día seguinte ao da publicación do anuncio da convocatoria no BOP e no taboleiro de anuncios do concello. O impreso oficial facilitarase no Rexistro Xeral do Concello e nas oficinas municipais de Servizos Sociais. Xa que o anuncio foi publicado no BOB e no taboleiro do concello o martes 14 de xuño de 2016, o prazo está aberto áte o mércores 29 de xuño.
Os interesados e interesadas poden descargar as bases ao completo, así como o impreso de solicitude, en dous documentos en pdf máis abaixo nesta mesma nova, así como ver o anuncio no BOP (Boletín Oficial da Provincia).
Fonte
- Redacción QPC ([email protected]).