Carballo exporta e importa cultura emprendedora
- A Cámara de Comercio confirma a data da Feira de Emprego para a mocidade.
- O Carballo Coworking realiza charlas polos institutos da comarca
Segue Carballo sendo epicentro de emprendemento.
Por unha banda, a segunda edición do Carballo Coworking está desenvolvendo a campaña de promoción e difusión polos centros de ensino da comarca. Ao longo da semana expuxeron o que implica emprender en varios espazos da zona. Primeiro na Casa da Cultura de Cee, ata onde se achegou o alumnado-traballador do obradoiro dual de emprego “Camiño do solpor IV” para coñecer o funcionamento do espazo colaborativo situado no Fórum Carballo e os beneficios e prestacións que ofrece aos usuarios/as que optan por este modelo para poñer en marcha os seus proxectos empresariais.
Na mesma xornada celebrouse outro encontro con estudantes de Economía de 4º da ESO e dos ciclos de formación profesional do IES Terra de Soneira de Vimianzo, que aproveitaron a ocasión para despexar algunhas dúbidas sobre o sistema de traballo colaborativo.
O carballés Óscar Vázquez Abelenda, deseñador gráfico de Ouvea Creatividade Gráfica, narrou a súa experiencia como usuario desta 2ª edición, ao tempo que puxo en valor a existencia destes espazos “que permiten reducir ao mínimo os custes e relacionarte con outras persoas que están pasando polo mesmo ca ti”, subliñou.
Tamén estiveron no IES Eduardo Pondal de Ponteceso coa participación, ademais, doutro usuario da 1ª edición, David Moa, deseñador web e creador de agarimo.online, sumouse ao encontro co alumnado de Economía.
As sesións informativas retomarase o día 23, de 13 a 14 horas, no IES Isidro Parga Pondal de Carballo.
Feira de Emprego
Ademais, xa temos data confirmada para XI Feira de Emprego da Cámara, que será en Carballo o 31 de maio. Xa confirmaron a súa participación empresas como Gadisa, Grupo Calvo, Carrefour, Imán Temporing ETT, Gálica Consultoría e Formación, Vegalsa, Mapfre, Eulen e Grupo Crave, que contan con procesos de selección abertos e que recollerán currículums de mozas sen emprego, inscritos no Sistema Nacional de Garantía Xuvenil.
Os mozos poderán participar en talleres enfocados a dotarlles das ferramentas necesarias para mellorar a súa empregabilidade. As inscripciones, gratuitas, están abertas a través de www.camaracoruna.com.