Luns. 09.09.2024
El tiempo

Carballo renova o parque infantil da praza do Concello

Carballo renova o parque infantil da praza do Concello

Nunhas semanas o parque infantil situado na praza do Concello de Carballo lucirá un novo aspecto que dende o municipio indican que será "un novo concepto de parque". Estes días comezaron as obras desta reforma integral do parque no que se delimitarán distintas zonas de xogos en función das idades dos seus usuarios e usuarias. Deste xeito, partindo da pista polideportiva, que precisamente se cambiou de emprazamento dentro do proxecto de redistribución do espazo, haberá xogos para nenos/as desde 12 anos ata bebés. Precisamente os máis pequenos disporán dunha zona específica, na parte alta da praza, separada do resto. Ademais, o espazo ocupado pola palmeira acollerá agora unha torre con redes de escalada.

Nas vindeiras semanas executarase a terceira actuación incluída no proxecto Carballo para a infancia, que varía de xeito substancial con respecto á idea inicial debido a que a desaparición da vella palmeira do xardín permite ampliar a zona de xogos. Esta mesma semana, a modificación do contrato foi aprobada pola Xunta de Goberno Local, e o pasado martes comezaron os traballos de desmantelamento dos vellos xogos.

No que vai de ano xa se fixeron reformas integrais nos parques da Ponte de Bértoa, Razo, praza Eduardo Pondal e praza da Milagrosa ademáis da construción dunha nova área de xogos en Artes. Todas estas obras forman parte do plan de renovación integral dos parques infantís, que impulsa a Concellaría de Servizos de Carballo. 

Comentarios