Carballo si lembra o Día da Árbore


Foi Carballo o único Concello que se lembrou do Día da Árbore, que se celebrou o pasado 20 de marzo. Por un lado, a activa Senda Nova celebrou unha completa xornada de prantación de especies autóctonas no espazo de Oza pechando así a programación dos Días dos Bosques, que acolleron saídas e proxeccións.
Por outra banda, o Concello aproveitou a data para crear unha nova gran zona verde no parque empresarial de Bértoa coa plantación de 265 árbores. As escollidas son 95 exemplares de catro variedades diferentes de castiñeiros, 50 carballos, 15 nogueiras do país, 20 faias, 20 abeleiras, 30 bidueiros, 10 acevos, 10 loureiros e 15 freixos. Especies prantadas de xeito irregular para non parecer un bosque industrial, que formarán un gran espazo público e permitirán ter un pulmón verde no polígono.

Colaborando
O Concello de Carballo está a traballar para transmitir aos nenos e nenas o apego á natureza. Nesa liña enmárcase a colaboración coa Asociación Ambiental Senda Nova na campaña que realizou o domingo no Espazo da Natureza de Oza. E para este sábado 24 teñen programada unha xornada de amadriñamento e apadriñamento de landras no Horto Infantil Ecolóxico Municipal na que poderán participar todas as familias que o desexen sen necesidade de inscrición previa. Abonda con pasar polas instalacións do horto, na rúa Nardos, entre as 11.00 e as 13.00 horas.
Fonte
- Concello de Carballo.