Carballo volve ser parada do ciclo de cine euroárabe Amal


Non todas as vilas do país se prestan a acoller un ciclo de cine tan especial. Pero Carballo vai noutra liga, e así o demostra co compromiso municipal e coa resposta da veciñanza. O ano pasado foron 400 as persoas que se achegaron a ver os filmes proxectados durante a parada anual que fai o Ciclo de Cine AMAL na vila carballesa. Había que repetir. E xa hai datas, como presentaban onte o alcalde Evencio Ferreiro, o concelleiro Marcos Trigo e o presidente da Fundación Araguaney-Ponte de Culturas, Ghaleb Jaber.
Do17 ao 31 de xaneiro o Pazo da Cultura e a Biblioteca Rego da Balsa acollerán 6 proxeccións (catro ficcións e dous documentais) neste “Amal en ruta Carballo” que serve de resumo da última edición da Semana de Cinema Euroárabe Amal, celebrada no Teatro Principal de Santiago de Compostela o pasado mes de outubro.
“A nosa misión é silenciosa pero constante, en prol dun coñecemento mutuo entre a cultura árabe e a cultura galega, e entre a poboación árabe e a poboación galega, sobre todo nunha situación a nivel político moi complexa en España, onde vemos esas correntes de pensamento máis xenófobas e máis duras contra o diferente que comezan a acadar representación, e iso é moi perigoso”, manifestou Ghaleb Jaber.
Exposición
Ademais, a visita árabe complétase no Pazo da Cultura coa exposición “Familias completas, familias incompletas”, unha colección de fotografías realizadas polo fotoperiodista Sergi Cámara a familias de refuxiados sirios chegadas á illa grega de Lesbos.