venres. 24.01.2025
El tiempo

O Centro Social de Bértoa acolle unhas Xornadas de Baile Tradicional da Asociación de Gaiteiros de Galicia

xornadas baie tradicion carballo
O Centro Social de Bértoa acolle unhas Xornadas de Baile Tradicional da Asociación de Gaiteiros de Galicia

A Asociación de Gaiteiros Galegos (AGG) vén de escoller Carballo para unha nova edición das súas xornadas de baile tradicional. O vindeiro domingo 15 o Centro Social de Bértoa acolle unha serie de relatorios e obradoiros guiados por Beatriz Busto, Mar da Bouzas e Ramón do Serrador.

A iniciativa, subvencionada pola Deputación da Coruña e na que colabora o Concello de Carballo, anticípase á celebración do Día das Letras Galegas 2025, “no que as cantareiras e a poesía popular oral serán as protagonistas, especialmente personificadas na homenaxe a Adolfina e Rosa Casás Rama (Cerceda), Eva Castiñeira (Muxía) e as Pandeireteiras de Mens (Prudencia e Asunción Garrido Ameijende e máis Manuela Lema Villar) de Malpica de Bergantiños”, explican desde a organización.

O obxectivo da xornada é achegarse “aos bailes destas comarcas para coñecer e completar coñecementos, tanto dos profesionais do mundo do baile tradicional como para todos aqueles interesados no noso baile, podendo participar así de xeito activo na mellora e dinamización da nosa tradición”. 

Comeza as 10:20h, cun relatorio e coloquio con Beatriz Busto sobre “Os corpos rev(b)elados. Poder, xénero e dicotomía no baile". Ás 12:00h aberá un obradoiro de “Achegamento ós diferentes tipos de baile solto da parroquia de Mens e comparativa cos de algunhas parroquias do concello de Malpica”, con Mar da Bouzas. 
Xa pola tarde, ás 16:00h, novo Obradoiro, este sobre o “Baile solto na Serra de Montemaior”, con Ramón do Serrador, para pechar as xornadas.

As inscricións poden facerse nos teléfonos 986 847 074 e 982 229 966 ou enviando un correo electrónico a [email protected].

Comentarios